Skip to main content

Ponse en valor o audiovisual galego no arranque do Festival Play-Doc

O conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, destacou a calidade e a creatividade do audiovisual galego durante a inauguración do Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc, que tivo lugar no Teatro Municipal da Área Panorámica. O conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez; e polos directores de Play-Doc, Sara García e Ángel Sanchez.

Xesús Vázquez Abad asegurou que Play-Doc achégase con paso firme á década de existencia o que o converte “nun referente para o audiovisual en Galicia, aglutinando, ano tras ano, o interese dun público cada vez máis amplo e heteroxéneo”. “Un público que atopa no documental un xénero alternativo, pero moi interesante e cada vez máis atractivo”, engadiu.

Segundo o responsable de Cultura e Educación, “a calidade dos contidos e as tendencias máis actuais no xénero documental fan de Play-Doc unha referencia que desde a Xunta de Galicia apoiamos un ano máis, como parte do compromiso da administración autonómica co audiovisual galego”. Asemade, o conselleiro afirmou que dende hoxe ata o vindeiro 17 de marzo, “esta iniciativa de referencia transformará Tui no centro das tendencias do cine documental de creación, situando este concello no mapa internacional”.

O filme encargado de abrir a primeira xornada desta cita do audiovisual foi What's Happening! The Beatles in the USA, dos irmáns Maysles. Precisamente, a estrela convidada deste ano será Albert Maysles, un dos máximos expoñentes do cine directo xunto co seu irmán, David.

Esta primeira xornada tamén conta coa presenza de Lois Patiño, Pablo Cayuela e Xan Gómez Viñas. O primeiro con Montaña en sombra, e os outros dous con Fóra inauguran unha sección de títulos galegos destacables. Ademais, a novena edición de Play-Doc tamén recupera a obra e a figura do cineasta cubano Guillén Landrán (1938-2003) a través dun ciclo con seis películas, os seus únicos títulos que sobreviviron á censura.

Novo e recoñecido talento

Na súa sección oficial, Play-Doc reúne novo e recoñecido talento, cun total de cinco filmes procedentes de países como China, Bulgaria ou Estados Unidos, que competirán polo premio que outorga un xurado composto por reputados críticos e programadores. O traballo galego seleccionado deste ano é Arraianos (Eloy Enciso, 2012). A súa intensa presenza, en poucos meses, en foros como Locarno, Sevilla, a Viennale ou o Museum of the Moving Image de Nova York certifica a decisión de Play-Doc de incluíla a competición internacional.

Ademais, a música tamén volve ser protagonista en Play-Doc. Este ano, e con motivo da presentación no festival da obra do cineasta cubano Nicolás Guillén Landrián, o festival propón un achegamento ao universo sonoro de Kumar Sublevao-Beat.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia