Skip to main content

O deseño gráfico, editorial e de produto centran a oferta do FEED 2013

Deseñadores de toda España daranse cita os días 18 e 19 de outubro en Santiago para participar no Foro de Edición e Deseño FEED 2013 que organiza a Asociación Galega de Deseñadores (DAG) co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) será a sede destas dúas xornadas de seminarios, mesas redondas e charlas con representantes de empresas de referencia no ámbito de deseño gráfico, editorial e de produto tanto a nivel galego como internacional.

A colaboración de Cultura e Educación neste encontro profesional materialízase no seu patrocinio a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O seu director, Jacobo Sutil, asistiu hoxe á presentación do FEED 2013 xunto a Marcos Dopico Castro, presidente de DAG, e Raquel Boo, vogal da Asociación e coordinadora da que é segunda edición do evento.

Cita de referencia

Na súa intervención, Sutil gabou o esforzo da organización na procura de converter este foro “nunha cita de referencia no noroeste peninsular, así como –continuou– nunha plataforma para a proxección exterior e social do gran traballo que están a desenvolver na actualidade os deseñadores galegos". O director da Agadic subliñou, ademais, o importante papel deste tipo de foros para fomentar o intercambio de estratexias á hora de posicionarse nun mercado en continuo cambio tanto desde o punto de vista da demanda como dos soportes, pasando polas propias ferramentas de traballo.

O programa deste ano dedicará unha primeira xornada a afondar nas novas tendencias no deseño gráfico e editorial da man de César Ávila, socio fundador do estudio madrileño de deseño e comunicación Gráfica Futura e profesor de Deseño na Universidade Europea de Madrid, quen será o encargado de impartir un dos dous seminarios do FEED 2013. Contarase tamén coas achegas de Uqui Permui, directora do equipo multidisciplinar de Uqui.net; Pancho Lapeña, cofundador de Aduaneiros Sem Fronteiras; Carlos Filgueiras, de Estaleiro Editora; Juan Carlos Pichel, de Eurográficas, e Suso Vázquez, do estudio de deseño gráfico e editorial Desescribir.

Centradas no deseño de produto, as sesións do segundo día de traballo darán comezo cun seminario impartido por Héctor Serrano, quen desde o seu estudio de Londres logrou numerosos recoñecementos internacionais polos seus proxectos, nos que a innovación se mestura coa comunicación de ideas familiares dun xeito pouco usual e inventivo.

Xa durante a tarde celebraranse diferentes charlas e unha mesa redonda nas que tamén participarán representantes de destacadas firmas galegas: Manuel del Río, de Cenlitrosmetrocadrado; Alberto Montiel, de Fruto DS; o arquitecto Luis Gil Pita, de UnDo ReDo, e Patricia Martínez, xerente da empresa de deseño de iluminación Arturo Álvarez; así como a economista Xènia Viladà, da consultoría catalá de xestión do deseño e business design XVDMC.

Profesionais e estudantes

O Foro de Edición e Deseño está aberto á participación tanto de profesionais como de estudantes de calquera disciplina relacionada co deseño, co obxectivo de lles facilitar un marco para a reflexión e o debate ao redor da evolución histórica e a visión de futuro neste sector, identificando necesidades e estratexias de desenvolvemento e investigación.

Os interesados en asistir ás diferentes actividades deste FEED 2013 poden reservar a súa entrada escribindo un correo electrónico a info@asociaciondag.org, indicando a modalidade de asistencia segundo as categorías e prezos que se especifican na web feed.asociaciondag.org, e tendo en conta, ademais, que non se venderán entradas o día do evento. As prazas para cada un dos seminarios limítanse a 20 persoas e para as charlas, á capacidade da sala.

Máis información na web http://feed.asociaciondag.org/
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia