Skip to main content

O Colexio de Xornalistas e a Facultade de Comunicación piden responsabilidade

Comunicado conxunto do Colexio de Xornalistas e a Facultade de Ciencias da
Comunicación da USC ante o tratamento informativo do caso de Asunta
Basterra:

Os acontecementos sucedidos recentemente en Santiago de Compostela
relacionados coa morte de Asunta Basterra provocaron unha importante
reacción colectiva de repulsa.

Os medios de comunicación e os xornalistas teñen como función informar,
interpretar e opinar sobre os feitos noticiosos. Polo tanto, tanto desde a
Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago como
desde o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, reivindicamos a
obriga da información veraz, obxectiva e imparcial para que os medios de
comunicación poidan trasladar ao conxunto da sociedade toda a información
relevante relacionada co caso.

Para lograr o éxito nesta tarefa é imprescindible recuperar os elementos
que garanten a calidade informativa, como a veracidade das fontes, o seu
contraste, a oportunidade da información e os límites impostos polo dereito
á privacidade, á propia imaxe e a presunción de inocencia. Por iso, e
especialmente nos momentos nos que se produce unha situación informativa
como no caso Asunta Basterra, é imprescindible apelar ao compromiso coa
sociedade tanto dos profesionais coma dos editores dos diferentes medios,
ben sexan en papel, en televisión, en radio ou en internet.

A Facultade de Ciencias da Comunicación e o Colexio Profesional de
Xornalistas de Galicia son conscientes que durante estes días houbo
importantes eivas na calidade informativa que obedecen a distintas causas.
Estas dúas entidades non teñen capacidade para decidir as políticas
editoriais dos medios de comunicación, pero si é a súa obriga facer un
chamamento á responsabilidade dos editores e das fontes informativas para
que non se desvirtúe o fin último do xornalismo que é garantir o dereito á
información veraz e á opinión libre. Do mesmo xeito, tamén debemos apelar á profesionalidade, ao respecto dos códigos deontolóxicos e ao bo traballo
das ducias de xornalistas que se enfrontan ante a dura tarefa de informar
dun suceso tan dramático.
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)