Skip to main content

A Xunta deseña a estratexia dixital para converxer coa UE en 2020

Despois de aprobar a Estratexia de Especialización Intelixente, o presidente da Xunta avanzou, na rolda de prensa do Consello, a Estratexia de crecemento dixital para dar continuidade aos logros tecnolóxicos alcanzados en Galicia e converxer coa Unión Europea en 2020.

Feijóo subliñou que esta estratexia está perfectamente aliñada coa RIS3 de Galicia para establecer relacións sinérxicas entre elas, e captar fondos europeos en proxectos tecnolóxicos para a Comunidade no novo período de financiamento 2014-2020. De feito, coa aprobación da Estratexia Galega de Crecemento Dixital, Galicia cumpre co requisito establecido pola Unión Europea de que as Estratexias de investigación e innovación para especialización intelixente RIS 3 recollan un capítulo específico destinado ás TIC.

Facer do sector tecnolóxico o motor de especialización da economía galega
Ao fío disto, o titular do Goberno galego lembrou que o sector tecnolóxico “debe ser un motor de especialización da nosa economía” dado que, apuntou, representa o 5% do PIB europeo, impulsa o 20% do crecemento da produtividade xeral das empresas, e constitúe unha cuarta parte do negocio total de I+D+i en Europa. Segundo precisou, en Galicia máis do 30% das empresas TIC galegas desenvolveu actividades de I+D+i nos tres últimos anos, cun incremento do 15% respecto do período anterior. E, destas empresas, un 71,3% obtivo produtos comercializables.

Así, o presidente da Xunta explicou que a Estratexia Galega de Crecemento Dixital dá prioridade a cinco grandes liñas de actuación no sector tecnolóxico ata o ano 2020 que consolidarán e darán continuidade ás medidas da Axenda Dixital 2014.gal. En primeiro lugar, a estratexia fixa como prioridade no eido da Administración a consolidación da Administración electrónica e do eGoberno; a modernización tecnolóxica dos servizos públicos e a modernización dos sistemas de emerxencias e catástrofes e dos sistemas de transporte.

En segundo lugar, proseguiu, establece tamén a consolidación do sector TIC con actuacións de apoio integral ao emprendemento TIC, de impulso á preparación de profesionais TIC altamente cualificados, e tamén de fomento da innovación tecnolóxica e a súa posterior aplicación aos sectores tractores da economía.

Outra das liñas de actuación será a de mellorar a competitividade do tecido empresarial e, con este fin, a Estratexia de crecemento dixital establece dous tipos de programas. Son os programas específicos para a modernización dos sectores primarios galegos porque, tal e como apreciou o presidente “hai unha gran oportunidade para aplicar as TIC aos sectores primarios da nosa economía e mellorar a rendibilidade do sector agroindustrial”. E, tamén, para o asesoramento a empresas, identificando as súas necesidades tecnolóxicas, co obxecto de mellorar a competitividade dos seus produtos.

En cuarto lugar, esta iniciativa busca acadar unha cidadanía plenamente dixital articulando un programa de acreditación de competencias dixitais e potenciando a educación dixital en todos os niveis educativos, con especial énfase no futuro dos libros dixitais no ensino galego. E, no eido das infraestruturas de telecomunicacións, o obxectivo a medio prazo é impulsar o despregamento de redes ultrarrápidas, incentivar o uso da banda larga móbil e afondar nos servizos de fogar dixital que afectan directamente o servizo público dos servizos sociais e aos servizos públicos de sanidade.

Unha folla de ruta para converxer con Europa

“A partir de agora hai unha nova estratexia que permite acadar o obxectivo de que no ano 2020 se acade a práctica converxencia con Europa no que se refire a todo o uso das tecnoloxías nos sectores produtivos, nos servizos públicos e no eido dos cidadáns”. Esta estratexia, asegurou Feijóo, “vainos permitir presentar a nosa folla de ruta e concretar os fondos que lle corresponden á estratexia tecnolóxica e a captar outros fondos europeos” no eido das novas tecnoloxías. “Sen esta estratexia -dixo- isto non sería posible”.

Na súa intervención, Feijóo expuxo que a Xunta vén traballando desde 2009 no desenvolvemento dunha estratexia tecnolóxica global, a Axenda Dixital 2014.gal, aliñada cos obxectivos formulados na Estratexia Europa 2020, e cun investimento de 893 millóns de euros. Ao respecto, o mandatario galego apuntou que concluiremos este ano 2013 co 96 por cento da poboación galega contará con acceso a cobertura de banda larga.

Entre os pasos máis importantes dados neste período están, ademais destes avances para o achegamento da banda larga a todos os galegos, a creación dun único organismo para a xestión da política tecnolóxica: a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Tamén, o impulso dunha verdadeira Administración electrónica para incorporar as novas tecnoloxías aos servizos públicos: en Educación o Plan Abalar, en Sanidade o Hospital 2050 e o programa Innova Saúde, en Xustiza o Plan Senda, e en servizos sociais, o plan de modernización neste eido presentado recentemente. Ademais, Feijóo lembrou, nesta liña, a posta en marcha dunha infraestrutura de apoio ás pemes para lograr a efectiva introdución das tecnoloxías da información no tecido empresarial galego.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia