A Fundación TIC apoia a celebración de INTERGALNET, o I Encontro de Gaming e Ocio Electrónico de Lugo

A colaboración da TIC con INTERGALNET comezou coa realización de dous vídeo-anuncios para promover o encontro a través do canal Youtube e das redes sociais. Por outra banda, o equipo da TIC prestará apoio técnico na rodaxe dunha curtametraxe, que se levará a cabo durante a celebración do evento.
A festa do lecer electrónico
A Fundación Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo organiza o Encontro, no que os asistentes poderán navegar por internet, descargar arquivos a gran velocidade, e participar en competicións on line en numerosos videoxogos.
Unhas 800 persoas terán a posibilidade de competir en liña, e mesmo coñecer xogadores profesionais como o dúas veces campión do mundo do FIFA, o videoxogo de fútbol máis popular, e algúns dos youtubbers que contan con maior número de seguidores. Ademais dos inscritos, os visitantes tamén terán a posibilidade de participar de balde nas competicións.
O apoio socioeconómico da TIC
A Fundación TIC ten subscrito convenio de colaboración coa Fundación Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo co fin de divulgar os proxectos que desenvolve de cara a promoción socioeconómica da provincia.
Na actualidade, a TIC ten asinados convenios con máis dun centenar de ONGs, asociacións culturais e entidades deportivas para difundir as súas actividades mediante a realización de proxectos audiovisuais, na procura de complementar os coñecementos teóricos dos seus alumnos con numerosas prácticas profesionais, dirixidas a favorecer a súa integración no mundo laboral.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo