Tres novas tablets de tecnoloxía galega irrumpen no mercado

José Morán, socio de Primux Tech, explicou a filosofía de “tecnoloxía lóxica” na que a empresa está a basear a súa actividade. Segundo expuxo Morán, isto tradúcese “nun produto de última tecnoloxía con prestacións moi elevadas, de prezo moi competitivo e, sobre todo, un servizo ao cliente o máis rápido e eficiente posible”. O socio da empresa situou neste último punto a vantaxe competitiva máis importante da empresa en relación á compentencia.
Primux Tech naceu a partir dunha empresa de distribución de material informático, primeiro como provedor de accesorios e, a partir de 2011, como fabricante de dispositivos propios. “Cando as operadoras de telefonía anunciaron que deixaban de subvencionar os dispositivos vimos unha oportunidade para iniciar unha liña de negocio en smartphones e tablets libres e con tecnoloxía propia”, expuxo Morán.
O director técnico da empresa, Javier Bordejé, comentou que calquera cliente pode contactar directamente coa empresa en caso de dúbidas ou de avaría, primeiro por teléfono ou por correo electrónico e, se non se atopa unha solución, recólleselle o produto e, nun prazo de 72 horas, a empresa comprométese a realizar a reparación e devolverlle o terminal ao cliente, todo de maneira grautíta.
En relación aos terminais da competencia, os últimos modelos de Primux Tech veñen con dúas baterías por terminal para axudar a paliar un dos principais problemas que sofren os usuarios de telefonía móbil. Ademais, todos os modelos están equipados con dual SIM (para poder introducir dúas tarxetas, por exemplo unha personal e outra profesional) e GPS sen conexión de datos.
En relación ás novas tabletas electrónicas, a Logic L1 é a pequena da familia, con 7,85” de pantalla. A Siroco5, de 10,1”, destaca por ser panorámica, o que a habilita especialmente para a reprodución de vídeo. Por último, a Ciclón2, tamén de 10,1” e a que ten máis altas prestacións. Todas elas, segundo explicou Bordejé, contan con porto USB e coa posibilidade de aumentar a memoria.
O ciclo “Os mércores de Tecnópole” está organizado por Parque Tecnolóxico de Galicia para contribuír a poñer en valor a innovación das súas empresas. En cada sesión unha empresa expón as súas capacidades e diferenzas competitivas no seu ámbito de actividade co obxectivo de mellorar a súa visibilidade e o seu posicionamento no mercado.
O obxectivo deste ciclo é potenciar o papel tractor que as empresas de Tecnópole poden exercer nos seus respectivos sectores con base na innovación, dando a coñecer na contorna as súas fortalezas e diferenzas competitivas. Con isto preténdese contribuír a reforzar o seu posicionamento no mercado e incrementar as súas relacións empresariais e comerciais.
Sandra Rodríguez (Departamento de Comunicación Tecnópole)