Skip to main content

O CGAI, sala do primeiro circuíto de cine independente en centros culturais públicos

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia), dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, estréase como sala de exhibición do primeiro Circuíto de Cine Independente que se pon en marcha a nivel estatal en centros culturais públicos.

Esta nova rede cinematográfica arrinca en cinco sedes –ademais da Filmoteca galega, o Centro Cultural Niemeyer de Avilés, a Tabakalera de Donostia, o Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León (Musac) de León e a Filmoteca de Culturarts-IVAC de Valencia– co obxectivo de atender a proxección de películas de calidade que proveñen do circuíto internacional de festivais, mais que non contan con distribuidora en España.

Sesión dobre

Na Coruña, o programa dá comezo o martes día 11 cunha sesión dobre, ás 18.00 e ás 20.30 horas, de ‘Museum Hours’, último traballo do cineasta radicado en Nova York Jem Cohen, ao que o CGAI xa lle dedicara unha retrospectiva hai uns anos. Rodado no Kunthistorisches Arts Museum de Viena, o filme converte este gran museo nunha misteriosa encrucillada a raíz da amizade entre un dos gardas e unha enigmática visitante. Estreada en 2012 no Festival de Locarno, onde foi galardoada co premio de Cine Arte, a fita percorreu xa moitos dos principais festivais internacionais de cine independente.

O programa do circuíto, a través do que se tentará presentar unha media dunha película ao mes como mínimo, continuará a semana que vén coa proxección de ‘I used to be darker’, do estadounidense Matthew Porterfiled. Este traballo exhibirase o martes día 18, tamén en sesión dobre ás 18.00 e ás 20.30 horas.

‘I used to be darker’, que en 2013 foi presentada na Berlinale e en Sundance, entre outras mostras internacionais, aborda unha historia de revelacións familiares a partir da chegada a Estados Unidos de Taryn, unha fuxitiva de Irlanda do Norte, para se refuxiar na casa dos seus tíos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia