Skip to main content

Ninguén é perfecto?, segundo eixo do ciclo de cinema conmemorativo do 20º aniversario do CGAC

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) un ciclo de cinema como actividade paralela á exposición ‘93’ que conmemora os vinte anos de apertura do centro. Despois do éxito da primeira parte do ciclo dedicado ao cinema italiano, o segundo eixo desta iniciativa, baixo o título ‘Ninguén é perfecto?’, estará centrado no tratamento dun dos maiores tabús do século XX: a transexualidade e o travestismo no cinema.

Organizado en once sesións, o ciclo arrancará este xoves ás 20,30 horas co filme ‘Orlando’, de Sally Potter, unha obra que precisamente gañou na edición do ano 1993 do Festival Cineuropa en Santiago de Compostela. O venres á mesma hora exhibirase ‘The Crying Game’ do director irlandés Neil Jordan.

Os outros títulos que completan o bloque ‘Ninguén é perfecto?’ son ‘Breakfaston Pluto’, tamén de Neil Jordan; as dúas versións de ‘Victor e Victoria’, de 1933 e 1982, dos directores Blake Edwards e Reinhold Schünzel respectivamente; ‘Morrer como um homem’ do portugués João Pedro Rodrigues; ‘Madame Satã’ de Karim Aïnouz; a francesa ‘Tiresia’, baixo a dirección de Bertrand Bonello; ‘Ma vie en rose’, de Alain Berlinerou; ‘Boys don’t Cry’, de Kimberly Peirce; e ‘The Naked Civil Servant’, de Jack Gold.

A terceira sección do ciclo xirará arredor do cinema británico, con filmes realizados na Inglaterra thatcheriana. As proxeccións, que teñen lugar no auditorio do CGAC son de entrada é libre e gratuíta ata completar as localidades.

‘Orlando’

A historia comeza na época isabelina cando a raíña Isabel I, no seu leito de norte,entrégalle a un nobre e andróxino mozo un xeneroso legado coa condición de que non se faga vello nunca. Orlando cumpre a súa promesa e vive no castelo durante moitos séculos cultivando a poesía e a arte. Despois dunha longa viaxe esperta unha mañá e decátase de que durante a noite o seu corpo mudou ao dunha muller. Orlando regresa á súa terra e descobre que ten varios xuízos pendentes. As demandas están baseadas na crenza de que Orlando foi sempre unha muller e que, polo tanto, non ten dereito ás herdanzas reais. Os séculos posteriores son realmente fatigosos, os seus casos na corte, e a súa mala sorte no amor e nas guerras.

Con dirección e guión de Sally Potter e baseada na novela de Virginia Woolf, esta película de 1992 conta coa interpretación de Tilda Swinton, Billy Zane, Lothaire Bluteau, Quentin Crisp, John Wood, Charlotte Valanadrey e Heathcote Williams.

‘The Crying Game’

Fergus é un voluntario do IRA que toma parte no secuestro dun soldado británico, Jody. Durante a súa custodia, establece unha amizade co prisioneiro e acaba por prometerlle que, no caso de que morra, irá buscar a súa noiva e asegurarase de que estea ben. Tras a morte de Jody, atropelado polos soldados que o ían rescatar, Fergus foxe a Londres e, disposto a cumprir a súa promesa, acode ao salón de peiteado onde traballa Dil, a noiva do soldado, que ademais é unha cantante ocasional en pubs. Fergus faise amigo da misteriosa e sensual Dil, da que se acaba namorando. Pero ela tamén ten un segredo e a historia dá un xiro inesperado cando este sae á luz.

Este drama foi dirixido en 1992 por Neil Jordane, interpretada por Forest Whitaker, Miranda Richardson, Stephen Rea, Adrian Dunbar, Breffni McKenna, Joe Savino, Birdy Sweeney e Jaye Davidson.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia