Presentouse na Deputación a V Xuntanza do Automobilismo Lucense

Esta actividade, que segundo Mario Outeiro “pretende poñer en valor o deporte do motor, así como resaltar a relación social que une a pilotos, copilotos, mecánicos, a multitude de axudantes e colaboradores e a toda a grandísima afección que fan posible a realización de moitos eventos ao longo de todo o ano”, está organizada de novo pola Escudería Miño coa colaboración da área de Deportes da Deputación de Lugo.
Tal e como indicou Mario Outeiro, “este evento permite que entren en contacto a moitas persoas do mundo do motor, que poñen en común as súas experiencias e crean lazos de unión nun día máis festivo que competitivo e no que tamén senten o apoio de toda a afección. Tamén é un día de presentación dos novos pilotos que tomarán a saída durante a tempada polo que constitúe unha importante oportunidade para darse a coñecer. Somos conscientes de que o mundo do motor move moita xente en Lugo e isto é unha xornada por e para eles”.
“Desde a área de Deportes da Deputación de Lugo, - continuou Outeiro- a colaboración co mundo do motor abrangue a todas as partes: cos equipos e escudarías a través da liña de axudas en concorrencia competitiva, cos pilotos a través das axudas para deportistas individuais e de maneira concreta no patrocinio das diversas probas que se celebran por toda a nosa xeografía”.
Esta nova edición da Xuntanza do Automobilismo lucense vai ofrecer a todas as persoas que se acheguen ao Pazo de Feiras e Congresos a posibilidade de ver de preto, durante a mañá e toda a tarde do vindeiro sábado, a arredor de 40 equipos cos seus vehículos e todo o equipo técnico dos equipos lucenses de rallys de asfalto, de montaña, todoterreo, históricos, velocidade e slálom de cara á nova tempada que comeza. A partires das 10 da mañá os equipos xa terán montado os seus stands nas inmediacións do Pazo e estarán abertos á visita do público e prensa. Entre as 16:30 e 17:00 horas as autoridades visitarán os diversos equipos e xa a partires das 17:00 horas os vehículos realizarán a súa presentación e un slálom espectáculo.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo