Skip to main content

O Festival de Cine concédelle o premio Cidade de Ourense ao director e guionista Enrique Urbizu pola súa traxectoria

O Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), decidiu outorgarlle na presente edición o premio “Cidade de Ourense” ao director e guionista Enrique Urbizu, recoñecendo así a súa traxectoria profesional. Segundo o comité asesor do certame, o cineasta vasco “ten consolidado un labor profesional destacado, que foi acadando metas máis ambiciosas conforme foron pasando os anos”. Entre os seus traballos figuran historias de interese, ás que lles imprime axilidade no ritmo dentro de xéneros pouco utilizados polo cine español, e cos que se gañou o respecto da súa profesión.

A pesares da súa xuventude, conta cunha dilatada carreira cinematográfica na que colleitou numerosos galardóns, entre os que destacan oito premios Goya: dous deles en 2002 con La caja 507 e os outros seis con No habrá paz para los malvados (guión, mellor dirección e mellor película). Ademais de cineasta, é profesor de Comunicación Audiovisual na Universidade Carlos III de Madrid.

Nado en Bilbao en 1962, é licenciado en Ciencias da Información. Os seus primeiros contactos co cinema foron a través da dirección de curtas. En 1987 dirixiu Tu novia está loca, a súa primeira longametraxe, protagonizada por Antonio Resines e María Barranco, que dan vida a unha comedia de enredo. En 1991 dirixiu a tamén exitosa Todo por la pasta.

Despois viñeron Cómo ser infeliz y disfrutarlo e Cuernos de mujer. Ambos filmes estaban baseados nuns libros da xornalista Carmen Rico-Godoy. Nese tempo adaptou Cachito, un relato de Pérez Reverte, coa que abriu a porta á adaptación doutra novela do mesmo autor: El club Dumas, dirixida por Polanski en 1999 baixo o título de La novena puerta.

En 2006 converteuse en vicepresidente da Academia de Cine, como segundo da lista encabezada por Ángeles González-Sinde. Agora ten practicamente lista Silver of lead, película rodada en Estados Unidos sobre a vida do famoso narco colombiano Pablo Escobar.

No transcurso do acto da entrega do premio proxectarase La vida mancha, dirixida polo propio Urbizu en 2003.
Gabinete de Comunicación do Concello de Ourense