Skip to main content

El Desconocido logra 12 Premios Mestre Mateo y se convierte en la ganadora de esta edición

Nota da CRTVG (http://www.crtvg.es/informativos/o-desconecido-triunfadora-na-noite-dos-mestre-mateo-con-12-galardons):

A película "O Descoñecido" foi a gran triunfadora dos Premios Mestre Mateo con doce galardóns, case a metade dos vinte e cinco que se repartiron, entre os que recibiu o recoñecemento á mellor longametraxe, á mellor dirección e aos mellores actor e actriz.

"O Descoñecido", de Vaca Films e Atresmedia Cinema, coa participación da TVG, recibiu o premio á mellor película e mellor dirección de Dani de la Torre, quen lle solicitou aos políticos que "se sentan orgullosos" do audiovisual galego e o empreguen "como bandeira, non como barreira" e engadiu que estará "máis contento" cando haxa "catro mulleres directoras finalistas".

De la Torre, ademais de dedicarlle o premio ao seu equipo e á súa familia, ofreceullo aos seus compañeiros directores entre os que "non hai ningún mellor ou peor", xa que isto "non é unha competición, senón que cada un ten o seu estilo", dixo.

A mellor interpretación protagonista masculina foi a de Luís Tosar, quen puxo a nota de humor ao ter que dar o discurso a través dunha chamada, ao non poder estar na gala, e a feminina para a nova actriz Paula do Río, que realizou o papel da filla de Tosar na longametraxe.

Ao mesmo filme tamén foron a parar a mellor interpretación de reparto feminina e masculina, para Elvira Mínguez e Javier Gutiérrez, premiado nos Goya en 2015 na mesma categoría e que o dedicou a "todos os avós xubilados que pelexan contra un sistema que é unha estafa", en relación á temática do filme.

Ademais das mencionadas, a exitosa película de Dani de la Torre, que se alzou con dous Goya este ano, repetiu os éxitos dos premios nacionais nas mesmas categorías dos Mestre Mateo: montaxe (Jorge Coira) e son (David Machado, Nacho Areas e Jaime Fernández).

Por último, "O Descoñecido" completou a súa particular festa no Pazo da Ópera da Coruña co mellor guión (AlbertoMarini), a mellor dirección de produción (Carla Pérez de Albeniz), a mellor música orixinal (Manuel Riveiro) e a mellor dirección de fotografía (Josu Incháustegui).

Un total de 146 obras que se estrearon en 2015, ademais de 159 produtoras e 518 profesionais do sector do cinema e a Televisión en Galicia, optaron a estes galardóns, que se celebraron baixo as notas das cancións máis representativas do programa infantil Xabarín Club.

Un dos homes do tempo de TVE, o lucense Martín Barreiro, foi recoñecido como mellor comunicador e do mesmo xeito que na última edición, "Serramoura", de Voz Audiovisual e TVG, foi gratificada como mellor serie de televisión, e ZigZag Diario, de TVG, como mellor programa de televisión, sumando xa cinco consecutivos.

Mentres, a mellor realización foi a de José Villaverde, polo programa de entretemento Land Rober Tunai Show; a mellor maquillaxe e perruquería, Óscar Aramburu e Sabela Martín, pola serie "Hospital Real", de Ficción Producións e TVG, e mellor vestiario, Marta Anta, por "Lobos Sucios".

"Lobos Sucios", de Agalla Films, Dream Team Concept e Left Field Ventures, acumulou o seu segundo e último galardón dos catorce aos que estaba nomeado co de mellor dirección de arte, de Antonio Pereira.

O mellor videoclip foi o executado por Miss Movies para o grupo Herdeiros da Crus; o mellor documental, "Os días afogados", de Amanita Films, e a mellor serie web, "O Método Sueco", de PorcoBravú.

"Eco", de Xacio Rodríguez Baño, logrou ser a mellor curtametraxe, mentres a mellor curtametraxe animada foi "O Terceiro Porco", dos alumnos do IES Imaxe e Son da Coruña, e mellor anuncio publicitario, "Imposible sen ti", de Tex45Producións, en colaboración con Ainé Producións.

O presidente da Academia Galega do Audiovisual, o guionista Carlos Ares, reivindicou o deber do audiovisual galego de "deixar de plantar o xerme do machismo" e "non fomentar a desigualdade".

O premio de honra "Fernando Rey" recaeu, como xa estaba anunciado, en Xavier Villaverde, un dos expoñentes do audiovisual galego contemporáneo, e o premio especial "José Sellier" levoullo o colectivo Númax, grazas a que o xurado a destacou como unha iniciativa arriscada e innovadora.

A gala foi presentada por Marga Pazos, da Televisión de Galiciae galardoada na pasada edición, e polo humorista e actor Xosé Antonio Touriñán.

A edición deste ano estivo marcada por un erro notarial no reconto de votos para a elección dos finalistas que alterou os resultados e afectou a 14 finalistas en trece candidaturas representadas nestes galardóns, cuestión coa que chancearon esta noite os presentadores.
R.