Skip to main content

El Festival de Cine de Ourense 2016 arranca con una película estadounidense sobre el crimen de Santoalla

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O Ourense Film Festival (OUFF) presentou o programa da súa vixésimo primeira edición, que se desenvolve do 28 de outubro ao 5 de novembro. Nela apóstase por unha nova estrutura de contidos con dúas novas seccións competitivas (Iberoamérica e Óperas Primas) e especiais temáticos nos que o cinema galego estará representado por 17 títulos.

A Consellería de Cultura e Educación volve apoiar este certame mediante un convenio de colaboración asinado entre o Concello ourensán e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), así como da achega da Secretaría Xeral de Política Lingüística na organización do programa OUFF Escola para a dinamización do galego a través do audiovisual.

Así o explicou o director da Agadic, Jacobo Sutil, quen participou neste acto de presentación xunto con Jesús Vázquez Abad, alcalde de Ourense; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Rosendo Fernández, vicepresidente primeiro da Deputación Provincial; Belén Iglesias Cortés, concelleira de Educación, Cultura e Comercio; e Fran Gayo, director artístico do festival.

Sutil destacou a traxectoria profesional de Fran Gayo, ao tempo que sinalou que a súa incorporación ao equipo do Festival de Cine Internacional de Ourense tradúcese nunha “nova estrutura, novos apartados, nova relación co cinema e cos principais festivais audiovisuais europeos”. Neste sentido, augurou que este será un OUFF “diferente, máis especializado, con máis personalidade e aínda máis rico en contidos”.

En canto á colaboración da Agadic, enmarcouna dentro da súa liña de traballo a prol da industria audiovisual galega, que desenvolve tanto a través do programa de subvencións públicas como do seu apoio a diferentes iniciativas que, como no caso do certame ourensán, fomentan o encontro entre os profesionais e maila formación e a creación de públicos.

O responsable da Axencia Galega das Industrias Culturais felicitou ao realizador galego Oliver Laxe polo Premio Cidade de Ourense, que se lle entregará durante o festival , e subliñou, ademais, o II Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia, que a Consellería de Cultura e Educación está a organizar ao abeiro desta 21º edición. Con esta iniciativa búscase chegar a novas alianzas entre produtoras de ambos países, repetindo a boa resposta do ano pasado, cando se contou coa participación de 27 entidades e empresas galegas e portuguesas. Nese primeiro encontro, comezou a tomar forma, por exemplo, a serie televisiva ‘Vidago Palace’, que está a iniciar agora a súa rodaxe promovida pola galega Portocabo e a portuguesa HOP Filmes e coproducida pola TVG e a RTP lusa.

Galicia e os profesionais galegos terán tamén unha destacada presenza no resto da programación, comezando polo filme inaugural, ‘Santoalla’, un documental estadounidense sobre o asasinato dun cidadán holandés veciño da devandita parroquia de Petín.

En canto ás producións galegas ou dirixidas por realizadores galegos, o programa deste ano ofrécelle ao público un total de 17 longas e curtametraxes. Así, ‘Angélica (una tragedia)’, de Manuel Fernández-Valdés, e ‘Manuel Vilariño. Ser luz’, de José Manuel Mariño, exhibiranse na competición iberoamericana. Manifestos proxectará as curtas ‘Jeanette’, de Xurxo Chirro en colaboración co alumnado do IES Sangriña da Garda, e ‘Montañas ardientes que vomitan fuego’ e ‘Sin Dios ni Santa María’, de Samuel M. Delgado e Helena Girón.

Ademais, a sección Síntomas programa o documental de Ángeles Huerta ‘Esquece Monelos’, a película de Nely Reguera ‘María (y los demás)’ e ‘Verengo’, de Víctor Hugo Seaone. E en Extramuros poderá verse ‘El pozo’, de Héctor Domínguez-Viguera; ‘O rebelde’, de Óscar Doviso; ‘Pelerinaxes’, de Simone Saibene; ‘Share o no Share’, de Juan Hosé Hervella Rego; ‘Visións’ de Xisela Franco e Beli Martínez; ‘Nación de muchachos’, de Javier Camino; e ‘We The Media’, de Héctor Carré.

Pola súa banda, a artista e realizadora limiá María Ruido protagonizará un dos apartados Foco da carteleira con ‘L’oeil Impérative’ e ‘Le rêve est fini’, mentres que Lois Patiño presentará a súa instalación ‘Tempo vertical’ e Juan Galiñanes manterá un encontro co alumnado que participará no OUFF Escola.

Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia
R.