Skip to main content

El CGAI conmemora el 150º aniversario de Valle-Inclán con un ciclo sobre el esperpento en el cine español

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) súmase á conmemoración do 150º aniversario do nacemento de Ramón María del Valle-Inclán cun ciclo de oito filmes a través dos que se dá conta da irrupción do esperpento no cinema español. Búscase establecer, deste xeito, un paralelismo entre a transformación ética e estética de certo tipo de cine na posguerra e a levada a cabo no seu tempo polo impulsor do esperpento como xénero literario.

O historiador do cine José Luis Castro de Paz, comisario do ciclo, presenta a sesión coa que comeza o mércores 17 de novembro, ás 20.30 horas, na sede coruñesa do CGAI. Farao con dous filmes de Edgar Neville –‘Verbena’ (1941) e ‘La torre de los siete jorobados’ (1944)– nos que se percibe xa o xermolo dunha corrente marcada tanto pola influencia de Valle-Inclán como polo seu contexto histórico.

Tras estes primeiros pases, o programa ‘Máis aló da adaptación: a irrupción do esperpento no cine español’ proxectará o 1 de decembro ‘Entierro de un funcionario en primavera’ (1958), de José María Zabalza, e ‘El inquilino’ (1957), de José Antonio Nieves Conde, títulos que Castro de Paz enmarca nesta tendencia como “fitos de excepcional importancia” que son a miúdo desprezados pola crítica e a historiografía.

A penúltima xornada terá como fío condutor o decisivo papel que no esperpento cinematográfico xogou o guionista Rafael Azcona, en colaboración con grandes realizadores. É o caso de ‘El pisito’ (1959), de Marco Ferreri, e ’Plácido’ (1961), de Luis García Berlanga, os dous filmes que poderán verse no CGAI o 20 de decembro.

Ambas películas poden situarse no cumio desta transformación cinematográfica xunto con ‘El mundo sigue’ (1963), filmada por Fernando Fernán-Gómez e que se programará o 21 de decembro. Ese mesmo día exhibirase tamén ‘Luces de bohemia’ (1985), a adaptación cinematográfica da coñecida obra teatral de Valle-Inclán dirixida por Miguel Ángel Díez.

Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia
R.