Skip to main content

Galicia vai ser no próximo semestre a voz das comunidades españolas nos consellos de ministros de Medio Ambiente da Unión Europea

Nunha reunión, presidida pola ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, a conselleira de Medio Ambiente agradeceu a confianza do resto de comunidades ao depositar en Galicia a súa representación ante as institucións europeas nos vindeiros meses.

Así, lembrou a importancia de que as institucións aposten de forma decidida polo medio ambiente e que Europa traballe en rede e cunha fronte común pola súa protección. Está previsto que o Consello Europeo de Ministros de Medio Ambiente se reúna o 9 de outubro, en Luxemburgo, e o 20 de decembro, en Bruxelas, dúas citas nas que será Austria, país que asume a presidencia rotatoria da UE o vindeiro semestre, o país encargado de definir os principais temas a tratar.

O papel da Xunta será trasladar nestas reunións, en nome do conxunto das comunidades, unha postura forte, común e sólida sobre algúns dos grandes asuntos previstos para este período; entre eles, unha mobilidade e transporte máis sustentables, a estratexia de plásticos dun só uso e a posición da Unión Europea na próxima Conferencia das Partes sobre Cambio Climático (COP 24), que se celebrará en Katowice (Polonia) a finais de ano.

Último Consello Consultivo de Política Medioambiental

O pasado mércores, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, participou na sesión do Consello Consultivo de Política Medioambiental para Asuntos Comunitarios na que os representantes autonómicos e a ministra para a Transición Ecolóxica abordaron a súa postura común ante os principais asuntos a tratar no Consello de Ministros de Medio Ambiente da UE que se celebra mañá, 25 de xuño.

Nesta xuntanza preparatoria subliñouse con relación ás emisións dos turismos, a importancia de promover unha transición xusta cara a vehículos non contaminantes da man dos propios fabricantes do sector.

En canto á proposta de directiva relativa á calidade das augas para consumo humano, as comunidades españolas defenderán a participación dos departamentos de saúde pública autonómicos, e dunha representación de municipios e asociacións de abastecedores de auga á hora de establecer os requisitos de calidade deste tipo de recurso.

Así mesmo, e con respecto á economía circular, a delegación española defenderá no próximo Consello de Ministros de Medio Ambiente a necesidade de urxir á Comisión Europea a establecer criterios harmonizados para a clasificación de residuos e apostar pola innovación, o que fai necesario desenvolver máis indicadores de gasto en ecoinnovación.
R.