Skip to main content

O Presidente Feijóo fixo entrega en San Domingos de Bonaval das cinco Medallas Castelao 2018

No seu discurso, despois da entrega dos galardóns, o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo dixo o seguinte sobre os galardoados:

Isabel Aguirre
Naquela Galicia das despedidas perpetuas, Rosalía de Castro teimaba por reter a paisaxe e incluíla na equipaxe do emigrante; agora Isabel Aguirre de Úrcola a coida, recupera e rehabilita. Igual que as ideas, a paisaxe non sempre se defende espontaneamente e require unha mente e unhas mans expertas. A Universidade de Harvard incluíu a esta directora da Escola Galega da Paisaxe nunha exposición dos quince mellores paisaxistas de Europa.
Os galegos podemos pasear polo Parque de Bonaval, ou pola contorna de Caaveiro, ou pola contorna da Cidade da Cultura para constatar que Galicia é un dos centros do paisaxismo, que nós temos que comprometemos a coidar máis e a poñelo en valor.

María José Alonso
María José Alonso Fernández está a facer de Galicia un centro do que poderiamos denominar “farmacoloxía intelixente”. É unha muller polifacética que investiga, ensina e participou na xestión académica, co impulso do Campus Vida.
Forma parte da Academia Nacional de Medicina de Estados Unidos, e non sente que esteamos na periferia.
Hai que facerlle moito caso cando afirma que “os países desenvolvidos chegaron a selo porque investiron moito en investigación e innovación”, como hoxe volveu recordar. Os políticos non debemos esquecelo nunca.

Jesús Domínguez
De Trives a Ourense, e de Ourense ao mundo. A Jesús Domínguez téñeno definido como “unha persoa que xera movemento”. Este empresario que achega a súa capacidade emprendedora para que Galicia sexa o centro da industria téxtil europea, ten o mérito engadido de superar con decisión reveses e contratempos que el mesmo, dunha forma sucinta, relatou. O seu berce empresarial está na Sastrería y Camisería El Faro. Nunca se apagou.
A luz mantívose acesa e, grazas a iso, este home emprendedor está sendo quen de vestir desde Ourense a varias xeracións de todos os continentes, con marcas tan recoñecibles como Purificación García, Carolina Herrera ou, xa na man das súas fillas, Bimba e Lola. Nunca valoramos como se merecen os creadores, os empresarios da moda que levan a marca Galicia en millóns de prendas por todo o planeta.

Xesús Mato
“Veñan os homes rexos e fortes, cos ollos limpos traballadores, que espallen xuntos sin refolgar, o desenrolo do noso fogar”. Se unha comunidade puidese contar con varios himnos, un deles podería ser de Fuxan os ventos. Iso non é posible, aínda que o repaso daquelas cancións nos devolvan a un tempo incerto “onde todo estaba por vir pero non chegaba”, por utilizar as palabras líricas de Salvador García Bodaño.
Xesús Mato fixo de Galicia un centro da esperanza. No decreto que crea esta distinción sinálase aos que demostraron “fe na cultura, na historia e no ser dun pobo”. O noso crego de Paradela soubo facer sitio na súa alma grande a esta fe diferente á que é propia da súa condición. Esta recompensa é cativa comparada coa que lle tributan adoito fregueses, discípulos e beneficiarios do seu labor social, pastoral e musical.
Con razón chámalle o alcalde “a sotana voadora”.

Os carteiros rurais de Galicia
Agora existen máis, pero as cartas foron a única fiestra que os galegos tiñamos cara ao mundo. O sobre gardaba un tesouro, e as letras permitían facer próximo o que estaba lonxe. Os carteiros e as carteiras que reciben a Medalla Castelao percorren, como se dixo e se di rápido, pero hai que facelo, 68.400 quilómetros todos os días. Sen dúbida esta é a primeira rede social de Galicia. Podemos atribuírlles unha gran parte do mérito de que Galicia conservase unha unidade de papel e palabra, nos tempos en que o noso país sufría de illamento interno e externo.
A chegada do carteiro facía que o veciño se sentise por un momento no centro do mundo. Así que, señoras e señores, cando vostedes tomen a decisión de encargar un paquete a calquera lugar do mundo, saiban que Correos é a compañía de todos.

Señoras e señores. Tanto os galegos ilustres que xa non están, como os que distinguimos en edicións anteriores das Medallas Castelao, que nos honran algúns deles coa súa presenza, e como os que acabamos de distinguir neste acto, todos eles son protagonistas dun galeguismo singular. Un galeguismo ao que todos contribúen e do que ninguén se apropia.
R.