Skip to main content

Doce bandas xuvenís encheron de música o Gaiás

A Cidade da Cultura de Galicia acolleu este domingo o III Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia, no que un total de doce formacións de toda a comunidade, con medio milleiro de integrantes, interpretaron o repertorio elixido para a ocasión, para finalizar cunha interpretación conxunta do Himno Galego como peche do evento.

A xornada contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, quen remarcou que “as bandas de música están na base da nosa identidade como pobo”, ao tempo que gabou os obxectivos deste festival, que se propón “fomentar o encontro entre os intérpretes máis novos, establecer vínculos que propicien a colaboración entre as bandas e enriquecer a formación musical das novas xeracións”.

O titular de Cultura do Goberno galego puxo tamén en valor o importante labor formativo das escolas de música de asociacións e concellos, destacando que “a formación musical é unha das nosas prioridades como responsables da Educación en Galicia,e a aposta pola formación musical nos nosos conservatorios e escolas de música está a dar resultados excelentes”. O conselleiro, que participou na entrega de diplomas ás formacións participantes, estivo acompañado do presidente da Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP), Iván Estévez Sabucedo, da directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, María Pereira Otero, do Secretario Xeral de Política Lingüística, Valéntín García Gómez e do Director de Agadic, Jacobo Sutil Nesta.

Programa da xornada

O festival arrancou ás 11.00 horas no Museo Centro Gaiás, e desenvolveuse ao longo de todo o día como unha xornada de convivencia entre os participantes –menores de 20 anos– de 12 bandas das catro provincias galegas, escollidas por sorteo entre todas as formacións federadas que se presentaron ao proxecto. Ademais de interpretar os repertorios elixidos para a ocasión por cada formación, e que incluíron pezas de compositores tan coñecidos como Ennio Morricone, Jacob de Haan ou Robert W. Smith, tamén puideron participar en actividades paralelas como xogos de enxeño e obradoiros de chapas e maquillaxe musical.

As participantes deste ano foron aBanda xuvenil da Escola de música de Meaño, a Banda xuvenil da Escola de música de Salvaterra, a Banda infantil de música de Celanova, a Banda escola Ateneo Musical de Bembrive, a Banda infantil de Rubiós, a Banda xuvenil da Cultural de Teo, a Banda infantil de Vilatuxe, a sección xuvenil da Banda de música Sons e Soños (Rábade-Begonte-Outeiro de Rei), a Banda da Escola de música de Vilaboa, a Banda xuvenil de música O Landro de Viveiro, a Banda infantil de Narón, e a Banda xuvenil da Escola de música de Salceda de Caselas.

O Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia está organizado pola FGBMP, co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Agadic e a Fundación Cidade da Cultura; así como a colaboración de Tolemias, en virtude da cal o evento puido seguirse en directo a través de internet.
R.