O Consejo Jacobeo aproba o logotipo oficial do Xacobeo 2021 e acorda pór en marcha os beneficios fiscais a partir de outubro

A Comisión Executiva do Consejo Jacobeo recordou que a partir do 1 de outubro de 2018 entrará en vigor o programa de beneficios fiscais que se aplicarán ata o 30 de setembro de 2021. Con estes incentivos preténdese fomentar a participación cidadá e empresarial nesta celebración e contribuír ao desenvolvemento social e económico dos municipios xacobeos.
Na reunión de hoxe, tamén se avanzou na definición das liñas xerais do programa de actividades que se desenvolverá durante os vindeiros tres anos coa intención de convidar ao diálogo ao redor do fenómeno xacobeo, impulsar o desenvolvemento das áreas do rural do Camiño de Santiago, promover este patrimonio como fonte de inspiración para a creación artística contemporánea e fomentar o coñecemento do Camiño de Santiago entre os novos.
O Consejo Jacobeo é o órgano de cooperación que facilita a comunicación entre o Goberno central e as comunidades autónomas do Camiño de Santiago, onde, ademais de Galicia están integradas o País Vasco, Cataluña, Principado de Asturias, Cantabria, A Rioxa, Aragón, Navarra e Castela e León.
R.