Skip to main content

O festival Cinespaña de Toulouse proxecta 11 filmes galegos co apoio da Agadic

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo colabora co festival Cinespaña de Toulouse (Francia), certame que acolle estes días a proxección de 11 filmes galegos. Son cinco longametraxes e seis curtas, reunidas baixo o título de Paisaxes periféricas, as que se exhiben con varios pases en distintos espazos da cidade gala.

As fitas foron seleccionadas pola organización do festival para ofrecerlle ao público unha visión conxunta da corrente denominada Novo Cinema Galego. Trátase das longametraxes A estación violenta, de Anxos Fazáns (2017); Dhogs, de Andrés Goteira (2017); No cow on the ice, de Eloy Domínguez Serén (2015); Costa da Morte, de Lois Patiño (2013); e Todos vós sodes capitáns, de Oliver Laxe (2010). No apartado de curtas inclúense Matria, de Álvaro Gago (2017); Rapa das bestas, de Jaione Camborda (2017); Plus Ultra, de Helena Girón e Samuel Delgado (2017); Decorado, de Alberto Vázquez (2016); Ser e voltar, de Xacio Baño (2014); e Ser de luz, de Diana Toucedo (2009).

O programa dedicado ao noso audiovisual comezou o pasado domingo cunha mesa redonda na que participaron o produtor Felipe Lage e as directoras Anxos Fazáns e Diana Toucedo. Foi a primeira actividade da carteleira galega, que o festival presenta como unha escolma de películas de ficción, documentais e curtametraxes de estilo vangardista creadas por realizadores e realizadoras emerxentes e con trazos estilísticos e temáticos comúns: a relación entre home e paisaxe, a forte presenza do mundo rural ou o tratamento de temas como a emigración ou as diferenzas xeracionais.

Cinespaña está organizado por AFICH, Association du Festival International du Cinéma Hispanique, un colectivo que traballa pola difusión do cinema español en Francia. O festival anual, que celebra ata o 14 de outubro a súa 23ª edición, rexistra usualmente unhas cifras totais de asistencia ás proxeccións de 18.000 persoas.
R.