O programa de talento musical 'Sonidos Mans' pecha a segunda edición durante a que apoiou cinco bandas emerxentes
Sonidos Mans, o programa de apoio ao talento musical organizado pola Fundación Paideia Galiza coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), acaba de pechar a súa segunda edición, durante a que cinco bandas emerxentes tiveron a oportunidade de tocar en diferentes festivais galegos de verán, así como de gravar un tema e un vídeo nos Estudios Mans da Coruña. Os grupos pontevedreses Innertes e La Cloaka Sound & J.C.A. foron elixidos xunto a The Niftys (Albacete), The Dawlins (Madrid) e Doña (Navarra) para participar nesta iniciativa como gañadores do concurso ao que se presentaron 330 propostas de toda España.O Son do Camiño, PortAmérica, Vive Nigrán, Atlantic Fest, SinSal Son Estrella Galicia, Revenidas, O Marisquiño e Festival de la Luz foron os oito eventos colaboradores desta segunda edición e os encargados de seleccionar que bandas, de entre 25 finalistas, formarían parte da súa programación. Nunha fase previa, a xornalista musical Paula Quintana, directora e presentadora do programa Capitán Demo de Radio 3, encargouse de elixir 50 propostas entre as 330 presentadas, principalmente de Galicia (134), Madrid (60), Andalucía (33) e Cataluña (26).
A continuación, abriuse unha fase pública na plataforma www.sonidosmans.com, a través da que se emitiron preto de 50.000 votos que decidiron as 25 bandas emerxentes propostas aos festivais. Finalmente Innertes foron elixidos por PortAmérica e Vive Nigrán, La Cloaka Sound & J.C.A. por O Marisquiño; The Niftys por O Son do Camiño e Atlantic Fest; The Dawlins por Revenidas e Festival de La Luz; e Doña por Sinsal.
Esta iniciativa de apoio a formacións e artistas emerxentes enmárcase na liña de colaboración que a Agadic mantén coa Fundación Paideia-Estudios Mans co obxectivo de poñer en valor o emprendemento e a creatividade no ámbito musical. Neste caso, dándolle a oportunidade ás bandas gañadoras de Sonidos Mans de gravar nun estudio profesional e de compartir cartel con grandes figuras internacionais.
R.






