Skip to main content

O Centro Galego de Artes da Imaxe inicia 2019 celebrando o cine e as linguas de Europa

Esta iniciativa que busca promover a cinefilia como potente ferramenta na aprendizaxe de idiomas, ademais de polo seu intrínseco valor cultural.

O CGAI retoma as proxeccións o martes 8 de xaneiro con Madame Hyde, de Serge Bozon, unha adaptación libre do celebre relato de Robert Louis Stevenson, con Isabelle Huppert de protagonista. O idioma francés cederalle a quenda ao portugués un día despois coa épica Cartas de la guerrak (mércores 9), mentres que o alemán escoitarase en Oh Boy (xoves 10) e o italiano en Antes de la revolución (venres 11), de Bernardo Bertolucci. Ademais, o sábado día 12 proxéctanse as curtas do VIII Festival CinEOI, organizado pola Escola de Idiomas da Coruña.

Este especial continuará con El reverendo (martes 15), un dos títulos da temporada, do que Martin Scorsese dixo que se trataba da mellor obra do seu colega Paul Schrader. Dunha lingua tan maioritaria como o inglés pásase a outra menos falada, o finés, con El día más feliz en la vida de Olli Mäki (mércores 16), que conquistou múltiples galardóns en festivais, comezando por Cannes. Ademais, o público tamén terá a oportunidade de ver Girl (xoves 17), a última película en levar o premio Discovery. Esta historia sobre unha bailarina que afronta dificultades no ballet ante o seu proceso de cambio de sexo foi tamén unha das fitas que marcaron o pasado 2018, neste caso con acento flamenco.

O foco do CGAI sobre o cine europeo estenderase ata finais de febreiro coas proxeccións, entre outras longametraxes, de Katalin Varga (xoves 24 de xaneiro), ópera prima dun dos mellores cineastas de xénero que deu o Reino Unido nos últimos anos, Peter Strickland, pero que curiosamente está falada en romanés; da ucraína The Tribe (martes 29 de xaneiro), un moi orixinal filme en lingua de signos; ou do último ensaio do xenio da Nouvelle Vague Jean-Luc Godard, El libro de imágenes (26 de febreiro).

Novidades e clásicos

O resto da programación bimestral combina clásicos e novidades por igual, de estilos e procedencias moi diversos. Un dos principais ciclos será o do mestre xaponés Kenji Mizoguchi, con oito películas dos anos cincuenta restauradas recentemente. Tamén centrado en clásicos, principalmente americanos e europeos, desenvolverase o programa especial Tan poderoso coma o amor, cunha selección de títulos feita polo escritor e exministro de Cultura César Antonio Molina. A recente publicación do libro homónimo, unha reflexión filosófica en torno ao amor tomando un cento de películas como referencia, permite ofrecer unha escolma que se estenderá ata marzo e que el mesmo presentará na filmoteca.

O ciclo Banda á parte inclúe tamén varias presentacións e unha clase maxistral, a de Meritxell Colell. Como cada ano por estas datas, faise un repaso aos títulos do cine español independente máis relevantes da temporada. Destacan no conxunto, ademais da presenza de Colell, as visitas de Isaki Lacuesta, gañador da Concha de Oro en San Sebastián con Entre dos aguas; e de Eloy Domínguez Serén, quen co seu filme Hamada, sobre un campamento de refuxiados saharauí, está a colleitar varios premios como director novel en festivais internacionais.

Ademais da habitual sesión dedicada a Stan Brakhage, a sección Desencadres ofrece unha retrospectiva sobre o cineasta de vangarda Will Hindle, unha das referencias da Bay Area nos anos sesenta. Así mesmo, Suso de Toro vén presentar con Antón Reixa El bosque del lobo o 9 de febreiro na sección Pensando en Cine, Pensando en Galicia. E completan esta primeira programación bimestral de 2019 as habituais sesións de cine galego (Off Galicia) e infantís (CGAI Júnior).
R.