Skip to main content

A identidade e a nova dramaturxia de Galicia protagonizan a temporada do Centro Dramático Galego

A aposta pola nova autoría escénica galega reflíctese tamén en moitos dos títulos que contan coa implicación da unidade teatral da Consellería de Cultura e Turismo a través dos seus programas de coprodución e residencia, así como do seu labor de exhibición no Salón Teatro e de DramatUrxente, iniciativa transversal para o apoio, fomento e promoción da nosa dramaturxia actual desde diferentes frontes. Como o grupo de escrita teatral DramaturXa, que en 2018 desenvolveu unha primeira edición coordinada por Manuel Lourenzo e da que xurdiron, entre outras, as obras que lle dan forma a Neorretranca e posmorriña.

Cinco coproducións

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, e a directora do CDG, Fefa Noia, detallaron os principais contidos desta programación nun acto celebrado hoxe, no que estiveron acompañados sobre o escenario polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e polos representantes dos equipos artísticos tanto da produción propia como das cinco coproducións do CDG para 2019: Doppelgänger, de Berrobambán coa compañía colombiana El Arca de N.O.E, que se estrea este mesmo xoves 24 no Salón Teatro; A compañeira de piso, de Contraproducións; lnvisibles, de Redrum Teatro; Soma, de Javier Martín; e Se fosen turistas levarían gafas de sol, de Limiar Teatro.

A esta presentación foron convidados, así mesmo, os creadores involucrados no resto dos proxectos da temporada e mais os representantes dos principais colectivos profesionais e formativos do sector escénico galego.

O vindeiro 11 de abril será a data da estrea en Santiago de Neorretranca e posmorriña, para a que mañá mesmo dan comezo as probas de interpretación nas que participarán medio cento de aspirantes. Nelas seleccionaranse as 10 actrices e actores das dúas pezas do espectáculo, que –a modo de colaxe– ofrecerán dúas olladas diferentes sobre o tema da identidade galega. En palabras da súa directora, Sinfonía en sol maior ou non preséntase como unha “fantasía aberta ao xogo escénico, catálogo-secuencia de múltiples imaxes dunha terra por facer”, mentres que Boisaca ou a divina desgraza é “humor negro en cemiterio turístico nun tour completo polos límites da vida”. Tras a súa estrea no Salón Teatro, onde poderá verse ata 5 de maio, a montaxe iniciará unha xira de dous meses por diferentes escenarios galegos.

En Residencia

Rspecto á colaboración e intercambio coas compañías privadas, ademais de ás devanditas cinco coproducións, o CDG ofrécelles a súa sede e a asistencia técnica do seu equipo aos colectivos artísticos que participan na edición 2018-19 de En Residencia. Por este programa pasaron xa Inversa Teatro con Sofía e as postsocráticas e Proxecto Pank + Funboa Escénica con tres proxectos: Masa madre + sal marina, Eso que vi e O que segue. Proximamente farano Artesa Cía. con Chola a It Girl, Colectivo Marciano Balboa con O inevitable, peza programada polo festival Escenas do Cambio da Cidade da Cultura de Galicia, e Redrum Teatro con A nena que quería navegar e Contos do recreo, ademais de coa devandita coprodución Invisibles.

O público pode gozar de todas estas propostas dentro da carteleira de exhibición do Salón Teatro, que acollerá igualmente dous novos títulos do ciclo Teatro Ob-Sceno para propostas en pequeno formato que se desenvolven fóra do escenario (Alicia morreu de sobredose, de Noelia Toledano, e Váter, de Roberto Salgueiro). Así mesmo, no Centro Dramático Galego poderán verse ata o verán outros espectáculos de Talía Teatro, Ibuprofeno Teatro, Contraproducións e A Feroz. O Salón Teatro acollerá ademais proxeccións da Mostra de Cinema Iberoamericano, organizada pola Fundación Araguaney, e funcións do mercado Galicia Escena PRO, promovido pola Agadic.

Completarán a actividade central da nova temporada a edición de Neorretranca e posmorriña dentro da colección O papel do teatro e o apartado de formación, no que figuran obradoiros para público adulto e infantil e mais para profesionais das artes escénicas en materias como adestramento físico, construción de personaxes, competencia lingüística ou dramaturxia.
R.