Skip to main content

A Biblioteca de Galicia expón as obras de Antonio Fraguas motivo do Día das Letras Galegas

O director de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na apertura da mostra dedicada a Antonio Fraguas con motivo do Día das Letras Galegas no Arquivo e Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura. Trátase dunha exposición na que se inclúen as 40 pezas, entre as que se inclúen algunhas das obras máis importantes de Antonio Fraguas como etnógrafo e antropólogo.

A exposición, que se poderá visitar ata finais do mes de agosto, trata de achegar aos visitantes á figura de Fraguas como historiador e xeógrafo, coa presenza de obras como Geografía de Galicia, título de referencia aínda hoxe para calquera estudo sobre este tema publicada en 1953. Tamén estarán presentes algunhas das súa obras sobre a Historia de Galicia ou o Colexio de Fonseca, tema da súa tese de doutoramento.

As facetas de Fraguas como articulista, conferenciante e divulgador están recollidas nesta na mostra bibliográfica, xa que un dos obxectivos do labor levado a cabo polo investigador cotobadense ao longo de toda a súa vida foi o de dar a coñecer a cultura da nosa terra.

Con motivo do Día das Letras Galegas tamén se elaborou un micrositio en Galiciana Biblioteca Dixital de Galicia no que se baleiraron todas as publicacións periódicas que se atopan dixitalizadas. O resultado dese baleirado é unha colección de 68 artigos pertencentes a publicacións como La Noche ou El Pueblo Gallego.
R.