Skip to main content

O galego escóitase por vez primeira en Cannes coa estrea do filme de Oliver Laxe 'O que arde', producido co apoio da Xunta



Rodada integramente en galego en varias localizacións dos Ancares e doutros puntos de Galicia durante o pasado verán, esta terceira longa de Oliver Laxe contou co apoio da Xunta para a súa produción, encabezada pola empresa compostelá Miramemira, que en 2016 foi a adxudicataria dunha subvención de máis de 209.000 euros a través da convocatoria anual de axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego.

Prolongada ovación

O director da Agadic, Jacobo Sutil, acompañou o equipo de O que arde no primeiro dos seus catro pases en Cannes, que rematou cunha prolongada ovación por parte do público. Trátase, ademais, da terceira participación de Oliver Laxe neste prestixioso festival, onde xa acadou o premio Fipresci da Quincena de Realizadores en 2010 con Todos vós sodes capitáns e o gran premio da Semana da Crítica en 2016 con Mimosas.

Xunto co realizador galego, estiveron tamén nesta estrea Amador Arias e Benedicta Sánchez, os dous actores amateur que protagonizan a película, así como Andrea Vázquez, Xavi Font e Damián Varela, produtores de Miramemira; Mauro Herce, director de fotografía; Santiago Fillol, guionista; Cristóbal Fernández, montador; Luís Bertolo, axudante de dirección; Nadia Acimi, xefa de vestiario; e os representantes das outras tres empresas implicadas nesta coprodución internacional: a vasca Kowalski Films, a francesa 4 A 4 Productions e a luxemburguesa Tarantula.

O que arde conta a historia de Amador, quen regresa á casa da súa nai nunha pequena aldea escondida nas montañas da Galicia rural despois de cumprir condena por ter provocado un incendio forestal. Alí a vida pasa paseniño, ao ritmo que marca a natureza, ata que unha noite se declara un incendio devastador.

A idea da película xurdiu a partir dunha iniciativa do Máster en Documental de Creación da Universidad Pompeu Fabra de Barcelona, co que colabora Oliver Laxe. Nela, achega a súa visión dos lumes forestais mediante unha dobre aproximación. Dunha banda, a historia de Amador e das tensións que se xeran cos seus veciños cando se produce o novo lume, e doutra, as dificultades que deben acometer os efectivos humanos incorporados á loita contra esta lacra.
R.