Skip to main content

O titular do Goberno galego visitou o antigo Barrio da Residencia de Lugo, onde teñen lugar as operacións de demolición do antigo Hospital Xeral

Poñer á disposición dos lucenses case 22.000 metros cadrados coa recuperación deste barrio, que manterá a súa estética pero eliminará as barreiras que impiden conectar dúas zonas da cidade, ao conectar a rúa Serra de Outes coa rúa Orquídea a través dun espazo agradable e con zonas verdes, explicou, incidindo en que o proxecto implica dotar este complexo de varios servizos: unha residencia de maiores, unha comisaría, un centro integral de saúde –o primeiro de Galicia-, unha nova oficina de emprego, unha central de biomasa que dará servizo ao complexo e un centro de emprendemento.

Para poder avanzar nel, o titular da Xunta aseverou que é imprescindible derribar o antigo Hospital Xeral, unhas obras que comezaron en decembro de 2018 e que constan de dúas fases: en primeiro lugar, realizouse unha demolición manual, coa retirada de todos os materiais reutilizables. E, unha segunda fase, que comeza hoxe, coa demolición mecánica.

Ao longo da súa intervención, Feijóo precisou que boa parte deste espazo será ocupado pola residencia de maiores, cuxo concurso de ideas para a redacción dos anteproxectos se resolveu hai poucas semanas, coa previsión de que as obras comecen na primeira metade do vindeiro ano.

Este centro, de 120 prazas, contará cun equipamento de primeiro nivel, e será unha das sete residencias que se construirán nas sete grandes cidades, e que ofrecerán en total 900 novas prazas de atención ás persoas maiores.

Así mesmo, e en relación ao centro integral de saúde explicou que, cun investimento de 12M€, contará cun centro de saúde, cun servizo de PAC/Urxencias, coa área de saúde mental e coa base para o 061, repartidos nun total de 8.000 metros cadrados en 6 plantas. “E na parte traseira do antigo Materno irá tamén o Centro de emprendemento”, dixo, lembrando que a aceleradora aeronáutica, que está entre os servizos que albergará, xa está funcionando na Fundación CEL con 5 proxectos en marcha.

Con respecto á nova oficina de emprego, explicou que se situará no antigo edificio da Escola de Enfermaría. E a central de biomasa, que dará servizo a todo o complexo, situarase no espazo que agora ocupan a lavandería e a central térmica.

Feijóo concluíu confirmando que o novo Barrio da Residencia formará parte da vida de todos os veciños porque significa mellorar a vida das familias, apostar por un modelo verde e innovar, co futuro centro de emprendemento.
R.