Skip to main content

O Instituto Cervantes de Nova York acolle unha exposición sobre o Camiño de Santiago

A exposición foi inaugurada ante diferentes turoperadores, prensa especializada e público en xeral, que puideron coñecer as fotografías e material audiovisual desta mostra que xa pasou por Boston e Chicago e que poderá verse no Instituto Cervantes de Nova York ata o 21 de xullo. Durante o acto tamén tivo especial protagonismo a gastronomía do Camiño de Santiago a través dunha degustación inspirada na ruta xacobea a cargo da Estrela Michelin Lucía Freitas.

Tanto a exposición como a degustación están incluídas na programación do Galicia Cinema & Food Festival, un evento de promoción de Galicia que este ano conta co apoio da Consellería de Cultura e Turismo a través de diferentes actividades especialmente centradas no Xacobeo 2021 e o Camiño de Santiago. De feito incluirá tamén a proxección do filme Strangers on the Earth – A Journey on the Camino de Santiago do director Tristan Cook, con temática xacobea no último día do evento no Instituto Cervantes, que estenderá a súa emisión nos centros galegos de Nova York e Nova Jersey.

Coa posta en marcha desta iniciativa, a Xunta continúa a reforzar a divulgación e difusión do Xacobeo 2021 e o Camiño de Santiago en diferentes lugares do mundo. Neste caso, estas accións contribuirán a reforzar o coñecemento da Ruta Xacobea en Estados Unidos, que se está a consolidar como o terceiro país estranxeiro do que proveñen máis peregrinos, só por detrás de Italia e Alemaña.
R.