Feijóo anuncia a colaboración entre Arxentina e Galicia na xestión e ordenación pesqueira, na formación das tripulacións e na loxística portuaria

“Ofrecemos colaboración en aquelas cuestións onde ambas partes podemos aprender e sacar partido, especialmente”, dixo, trasladando o convencemento de que esta colaboración mutua poida dar froitos e ter continuidade, “polo ben das industrias pesqueiras aquí, que son as nosas industrias pesqueiras; polo ben dos traballadores e polo ben dun sector básico para Galicia como é o pesqueiro”.
Feijóo, que visitou as instalacións da pesqueira Estrella Patagónica e da pesqueira Iberconsa de Argentina e viaxou a Rawson, para reunirse co gobernador da provincia de Chubut, Mariano Arcioni, avanzou tamén numerosas reunións cos responsables de pesca de Santa Cruz e de Bos Aires, baixo o obxectivo de avaliar cos gobernos provinciais e co Goberno arxentino as circunstancias e a actividade das empresas pesqueiras galegas con presenza no país.
“Imos intentar poñernos a disposición, agradecer o tratamento que teñen coas empresas galegas e tamén plantexar distintas posibilidades e colaboracións en materia de formación, en materia de experiencia e de ordenación pesqueira”, dixo, a modo de resumo.
Nesta liña, destacou o interese do Executivo galego por estudar como facer unha mellor explotación dos recursos, tendo en conta a actividade de frotas como a china, que faena fóra das 200 millas e que ameazan a sustentabilidade da pesqueira, ou tendo en conta o estado de recursos como o lagostino, que creceu moito nos últimos anos.
Ao respecto, Feijóo avogou pola creación, en base á colaboración entre os Estados da área do Atlántico Sudeste, dunha Organización Rexional de Pesca que permita ordenar e xestionar correctamente as pesqueiras, da mesma forma que xa sucede en moitas outras áreas.
No plano económico, subliñou o obxectivo de avaliar e verificar que as empresas galegas manteñen a súa estabilidade e que a situación económica do país lles afecte o menos posible. “Para elo, trataremos coas autoridades temas de interese para a viabilidade das nosas empresas e para a pesca de Galicia, relacionados co avance da operatividade nos portos de Puerto Madryn e Puerto Deseado, coa posibilidade de conseguir acordos vantaxosos á hora de realizar investimentos como a renovación da frota, e coas condicións de exportación, especialmente no que ten que ver co acordo entre a Unión Europea e o Mercosur”, explicou.
E, no plano social, recordou que a Xunta sempre defenderá que a creación de emprego de calidade debe ser unha cuestión fundamental alá onde estean as empresas galegas, “aínda que sabemos que así o fan”, precisou.
O titular da Xunta quixo agradecer á industria pesqueira o recibimento e a súa atención e aseverou que o interese da Xunta polas empresas galegas no estranxeiro é permanente e total. “E, neste caso, Galicia é un dos principais investidores nesta materia en Arxentina e por iso estamos aquí: para dar apoio ás nosas empresas e aos nosos mariñeiros”, incidindo en que, con este obxectivo, o Goberno galego desenvolverá unha apretada axenda de traballo, con encontros con administracións e emprendedores e cos principais axentes económicos pesqueiros para afondar con eles na análise da situación do sector no país.
Feijóo recordou que Arxentina, xunto con Namibia, é o principal estado no que a nosa pesqueira desenvolve a súa actividade mediante empresas mixtas. Así, no país latinoamericano as empresas galegas teñen unha importancia socioeconómica singular: teñen 68 buques en propiedade e operan outros 14 en exclusiva; e xeran case 5.000 empregos, dos que case 2.000 son a bordo dos barcos de pesca.

“En definitiva, estamos na Patagonia, acreditando en primeiro lugar que somos un pobo pescador, que crea postos de traballo en Arxentina e que nos interesa a pesca sustentable, a ordenación dos recursos pesqueiros e tamén a mellora dos portos onde faenan as nosas frotas galegas”, abundou.
O responsable do Goberno galego concluirá a xornada do luns visitando Puerto Deseado, onde asistirá a unha cea con directivos e traballadores das empresas pesqueiras galegas.