Skip to main content

Preséntase a 41 edición da Semana Internacional de Cine de Lugo

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou xunto co presidente do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, Xulio Xiz, a 41 edición da Semana Internacional de Cine de Lugo. A cita, que se vén celebrando anualmente dende o 1979, terá lugar entre o 21 e o 26 de outubro. No acto estiveron tamén presentes Manuel Curiel, director da Semana de Cine, representantes da Xunta de Galiza e da USC, e integrantes do Comité Organizador da Semana.

“Debemos apoiar dende as institucións a nosa cultura propia, neste caso a produción de cine en galego”, dixo Maite Ferreiro, que engadiu “As experiencias que temos dinnos que temos contadoras e contadores de historias moi boas, que fan obras fermosas e interesantes, que redundan na defensa e promoción da nosa lingua e da nosa cultura, que é o faro que nunca debemos perder de vista”.

Durante 41 Semana do Cine de Lugo proxectaranse un total de 130 filmes, que estarán divididos en 10 ciclos. Destes, 112 serán gratuítos, sendo de pago só o ciclo infantil, con entradas a 2,50€, Xoias do Ano, a 4€ e o ciclo Oficial, que terá un prezo de 5€. Ademais, as persoas que acudan ás proxeccións do ciclo Oficial, recibirán cada día unha publicación do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá como agasallo: o luns, un libro adicado ao histórico membro de Fonmiñá, Juan Carballal; o martes, 40 Semanas de Cine en Lugo, publicación realizada polo Grupo Fonmiñá o ano pasado que recompila os programas dos 40 anos de historia da Semana; o Mércores, o libro estará adicado a Rosario Dúrcal, a actriz homenaxeada na edición do 2018; o xoves, 41 semanas, 41 carteis, un recopilatorio en tamaño A4 dos 41 cartaces que anunciaron as Semanas ao longo do tempo; o venres, Antonio Mourelos, o lucense que recibe a homenaxe da Semana nesta 41 edición; para rematar a semana, o venres agasallarase o libro Históricos da Fotografía Lucense, a historia da fusión entre a Agrupación Fotográfica Lucense e o Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá.

Como novidade deste ano, dentro do parque de frigsa, o tramo de camiño da avenida da Coruña ao auditorio municipal Gustavo Freire, acollerá o Paseo do Cine de Lugo, que conterá placas homenaxeando a figuras de Lugo que foron importantes no mundo do cine. Neste ano, colocaranse as dúas primeiras placas, homenaxeando a Antonio Mourelos e a Prudencia Grifell.
R.