Galicia e Portugal organizan a edición deste ano do encontro Business2sea centrada na sustentabilidade dos océanos

A elección da temática fundaméntase no papel crucial que o océano e a súa conservación desempeña como condición indispensable para a preservación da vida no planeta, e cumpre co Obxectivo número 14 de Desenvolvemento Sustentable establecido pola Organización de Nacións Unidas para protexer a vida mariña.
O Business2Sea 2019 acollerá tamén dúas importantes iniciativas, como son a 6ª Conferencia de Stakeholders do Atlántico, que abordará a nova Estratexia do Atlántico para o vindeiro período de programación de fondos europeos, e o evento anual do programa Interreg Espazo Atlántico.
O Business2Sea, ao igual que en edicións anteriores, ofrecerá un programa diversificado que incluirá conferencias, seminarios e talleres dedicados ás temáticas do evento, un programa de encontros de negocio e sesións de presentacións breves organizadas no programa Curtas de Mar. O encontro conta ademais cunha compoñente expositiva e con actividades de divulgación e animación sobre cultura marítima.
O Business2Sea
O Business2Sea é un evento internacional dedicado a facilitar a interacción entre persoas e organizacións e a promover proxectos e negocios nos diferentes sectores da economía do mar, aberto á participación de todo tipo de organizacións. De feito, todos os axentes que teñan o mar e os seus recursos como elementos centrais da súa actividade -empresas, asociacións, centros de investigación, universidades, ou administracións públicas- teñen cabida nesta nova edición do evento. A inscrición está aberta ata o vindeiro 5 de novembro a través da páxina web do Business2Sea.
R.