Skip to main content

Xornalistas Galegas, Sara Vila e Montserrat Dopico gañan os premios 'Comunicar en Igualdade'

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o nome as premiadas do concurso Comunicar en Igualdade, co que a Secretaría Xeral da Igualdade pretende recoñecer e recompensar os traballos xornalísticos que teñan contribuído á defensa e difusión dos valores da igualdade entre mulleres e homes, así como á loita contra a violencia de xénero. Xornalistas Galegas, xunto con Sara Vila e Montserrat Dopico recibirán o premio na categoría para profesionais do xornalismo e Uxía Castro, Lucía Parrilla del Río e Silvia López na de alumnado universitario.

Na modalidade para profesionais do xornalismo o xurado escolleu como o primeiro premio, dotado con 6.000 euros, o texto “As mulleres na opinión: un elefante rosa no medio das redaccións" do grupo de traballo As Mulleres na Opinión de Xornalistas Galegas. O traballo “O noso toque de queda” de Sara Vila Alonso, recibirá o segundo premio, valorado en 3.000 euros, mentres que o terceiro, de 2.000 euros, recaeu na peza “Sesé Mateo: a palabra que resiste á morte”, de Montserrat Dopico González.

Na categoría reservada para o alumnado universitario, Uxía Castro Martínez recibirá o primeiro premio, de 4.000 euros, polo traballo “Eles gobernan, elas aman. Os mitos do amor romántico”. O texto “Un relato de mulleres nas minas do Bierzo” valeulle a Lucía Parrilla del Río o recoñecemento do segundo posto nesta categoría, cunha dotación de 2.000 euros. Pola súa parte, Silvia López López será a galardoada co terceiro premio, de 1.000 euros, ao participar co traballo “Nun sistema tan opresivo para a muller ser monxa era unha opción cómoda”.

O premio “Comunicar en igualdade” recoñece os traballos informativos ou pezas publicadas de forma individual ou colectiva por profesionais do xornalismo, así como os traballos xornalísticos presentados por alumnos e alumnas con matrícula nalgunhas das titulacións do Sistema Universitario Galego (SUG) no curso 2018-2019. A dotación económica, que vai dos 6.000 aos 1.000 euros, realízase con cargo aos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

O xurado estivo presidido polo director xeral de Políticas Culturais, na secretaría unha persoa designada pola Secretaría Xeral da Igualdade e como vogais, as persoas integrantes da Comisión Asesora de Publicidade non Sexista. En ambas modalidades, seleccionáronse os mellores traballos segundo criterios de calidade, esforzo investigador e de sensibilización e axeitado tratamento informativo dende a perspectiva de xénero.

Co premio “Comunicar en Igualdade” trátase de premiar as boas prácticas respecto dun tratamento axeitado de asuntos de cobertura informativa diaria como poden ser o sexismo na publicidade, outros modelos de masculinidade, a violencia machista, a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, a violencia de xénero en colectivos especialmente vulnerables, a situación da muller nos diferentes ámbitos, así como os temas relacionados en xeral coa perspectiva de xénero e coa desigualdade por razón de xénero.

A difusión pública nos medios de comunicación dos asuntos relacionados coa perspectiva de xénero, coa igualdade entre homes e mulleres e coa loita contra a violencia de xénero, como expresión máxima da desigualdade, ten unha importancia decisiva no labor de concienciación social sobre a consecución deses obxectivos que deben ser irrenunciables para a nosa sociedade. Por iso, considérase que a Xunta pode exercer un labor positivo neste sentido mediante a introdución dun estímulo ou incentivo para fomentar a publicación e a investigación sobre esas materias, tanto nos/nas profesionais do xornalismo como no alumnado das facultades e escolas universitarias.
R.