‘Escenas do cambio 2020’ arranca cunha performance en defensa dos dereitos das mulleres

Cinco obras de danza e arte en acción na fin de semana
Estas dúas obras supoñen o inicio dunha programación que permitirá gozar durante esta fin de semana no Gaiás dun total de cinco pezas que xiran ao redor da danza contemporánea e das linguaxes do corpo. Deste xeito, o certame tamén reunirá nestes tres días en Compostela a figuras internacionais tan relevantes como Eszter Salamon ou Leonor Leal e a creadores emerxentes galegos como Los Bravú.
Precisamente, a programación de mañá sábado ábrea, en estrea absoluta, a primeira incursión na escena da parella de artistas plásticos Los Bravú, formada por Dea Gómez (Salamanca, 1989) e Diego Omil (Pontevedra, 1988). Segundo os autores, trátase de “retranca, danza e música electrónica para criticar o consumo cultural repetitivo e baseado no automatismo do viaxeiro contemporáneo”. En Caderno de vacacións aceptaron o reto-convite lanzado polo director artístico do festival, Pablo Fidalgo, para atreverse a abandonar a súa zona de confort creativa (as artes plásticas) e dar o salto á escena.
O baile e cante flamenco tamén terá espazo mañá sábado en Escenas do cambio 2020. Neste caso, a bailaora Leonor Leal recupera en Ahora bailo yo a reivindicativa e valente peza de José Heredia Maya, quen en 1976 se atreveu a crear e representar unha obra de teatro flamenca, onde se denunciaba a persecución e marxinación do pobo e cultura xitana, tal e como quedaba recollido en varios artigos do regulamento da Garda Civil da época.
Foi gabada pola crítica, mais tivo o seus custos; recibiu coaccións e ameazas e ata un teatro que a programaba foi incendiado. No entanto, conseguiu sacudir consciencias. Dous anos despois, en 1978, tras unha xira por España, París e Milán, artigos xenófobos do regulamento da Garda Civil cara a esta etnia foron suprimidos.
Pechará o domingo esta primeira semana de Escenas do cambio 2020 a prestixiosa e premiada coreógrafa Eszter Salamon, que en M/others volve subirse por segunda vez ao escenario coa súa nai. Unha peza tamén valente para facer fronte, a través da danza contemporánea, as tensións e os afectos das complexas relacións nai-filla e que a artista húngara pretende que teña continuidade con outras intérpretes con idénticos vencellos familiares.
Xuízo real a Hamlet na segunda semana
O festival retomará a súa programación o xoves 6 de febreiro con outras cinco pezas, entre as que destaca o xuízo a Hamlet por parte dun equipo xudicial real en activo (xuíz, avogado, fiscal, forense e psiquiatra). Nesta obra o dramaturgo catalán Roger Bernat xulga o personaxe de Shakespeare como un asasino común e o público que asista tamén terá un papel activo: converterase en xurado popular. Ademais, a obra ten o atractivo engadido de que se representará (o venres 7 de febreiro) na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Antes desta obra, o xoves 6, Escenas do cambio trasladarase ao casco histórico de Compostela. No Salón Teatro poderá verse a performance Légende de Romain Teule e, a continuación, no Teatro Principal, Dorothée Munyaneza reconstruirá en Samedi Détente o xenocidio da súa Ruanda natal desde a perspectiva real de testemuña deste cruento conflito cando era tan só unha cativa.
Nesta presenza de artistas con proxección internacional, débese salientar a peza de Jerk, de Gisèle Vienne. A partir dunha novela de Dennis Cooper, co que habitualmente soe colaborar, a francesa reconstrué nesta obra o caso real de Dean Corll, quen asasinou nenos en Texas coa axuda de dous adolescentes. A representación destas historias será a través dun actor-ventrílocuo e monicreques.
Pechará o festival, o sábado 8 de febreiro, Tres vellas (polo menos) que reúne nun mesmo escenario a tres dos mellores narradores orais de Galicia: Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín e Luís Gutiérrez Guti, que ademais de fiar con humor e retranca historias cotiás e de vida, tamén cociñarán ‘in situ’ para os e as asistentes.
Colaboración internacional e venda de entradas
Ao igual que en todas as súas edicións, Escenas do cambio 2020 promovido pola Xunta conta cunha rede de colaboradores como o INAEM, o Instituto Camões de Portugal en Vigo, o Concello de Santiago e a Universidade de Santiago, xa que continúa a liña aberta de estender a súa programación máis alá do Gaiás, con representacións en diferentes espazos culturais da capital de Galicia, como o Teatro Principal.
R.