O préstamo electrónico nas bibliotecas públicas galegas creceu un 62% no último ano

Durante a sesión déronse a coñecer os datos relativos a GaliciaLe 2019, a plataforma de préstamos de obras en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas e que ten como obxectivo facilitar o acceso de toda a cidadanía á cultura en calquera momento a través dos seus catálogos en galego e castelán. Así, no pasado ano rexistráronse un total de 56.144 préstamos, o que supón un incremento de preto do 62% con respecto ao ano 2018. O número de usuarios activos ascende a preto de 2400 no catálogo galego e supera a cifra de 4900 no catálogo en castelán. Isto supón unha alza do 34% e do 46% respectivamente en comparación ao 2018.
A Xunta de Galicia incrementou nos últimos anos o orzamento destinado á adquisición de títulos para GaliciaLe, un esforzo que se traduce na adquisición dun maior número de licenzas, polo que máis lectores puideron acceder a un mesmo título simultaneamente. Na actualidade, a colección desta plataforma está constituída por preto de 4600 títulos entre libros electrónicos, revistas, películas, audiolibros, libros interactivos e banco de datos. No que se refire aos títulos máis prestados, Infamia, de Ledicia Costas, ocupa o primeiro posto no catálogo galego, e La hija del relojero, de Kate Morton, foi o título máis lido no catálogo en castelán.
Anxo M. Lorenzo tamén deu conta do proceso de implantación do programa de xestión bibliotecaria para a Rede de Bibliotecas de Galicia, Koha, que se atopa na súa terceira fase e que rematará o vindeiro mes de xuño. Este período, comezado en setembro de 2018, permitiu a integración de 80 bibliotecas públicas no Catálogo da Rede de Bibliiotecas de Galicia. Co obxectivo de que o persoal das bibliotecas coñeza Koha e de que teñan as ferramentas necesarias para ofrecer a mellor experiencia aos usuarios, a Consellería de Cultura e Turismo realizou o pasado ano 11 cursos de formación nos que se explicou o funcionamento dos distintos módulos do programa e realizáronse prácticas.
Así mesmo, a sesión do Consello serviu como marco para anunciar que a Xunta convocará as terceiras xornadas de bibliotecas públicas que se celebrarán en outubro, así como o 3º Premio de Innovación Bibliotecaria.
Calendario do Libro e da Lectura 2020
O aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, o Día das Letras Galegas que se dedicará este ano a Ricardo Carvalho Calero, ou o centenario da publicación da revista Nós, son algunhas das celebracións que promove a Consellería de Cultura e Turismo a través do Calendario do Libro e da Lectura 2020 tal e como se tratou nesta sesión do Consello de Cooperación Bibliotecaria.
O obxectivo deste calendario é impulsar a realización de actividades arredor das principais datas e efemérides vinculadas co libro e coa lectura, e facilitar a planificación anual das actividades culturais.
Deste xeito, o Día da lingua materna o 21 de febreiro comparte protagonismo co aniversario do nacemento de Rosalía de Castro o día 24. Co mes de marzo chega a celebración do Día da narración oral o día 20, o Día da poesía o 21 e o Día do teatro o 27. No mes de abril tamén se celebra o Día das Artes Galegas o día 1, que este ano dedícase a Domingo de Andrade, mentres que os días 2 e 23 conmemóranse o Día do Libro Infantil e Xuvenil e o Día do Libro, respectivamente. Así mesmo, o día 26 celebrarase o Día da Propiedade Intelectual.
O mes das Letras homenaxea nesta ocasión a Ricardo Carvalho Calero, a quen a Real Academia Galega dedica o 17 de maio e ao día seguinte celebrarase o Día dos Museos. Previamente, o 3 de maio celebrarase o Día da Liberdade de Prensa. O día 9 de xuño recordarase a importancia dos arquivos coa celebración do seu día.
Xa no verán, o 26 de xullo ten lugar o Día da Comprensión Lectora e o 22 de agosto conmemorarase o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo. No mes de setembro celebrarase o 8 o Día da alfabetización, o 26 o Día Europeo das Linguas, o 28 o Día do dereito de acceso universal á información e o 30 o Día da Tradución.
O 15 de outubro será o Día das escritoras, o 24 o Día das Bibliotecas e o 30 conmemorarase o centenario da publicación da revista Nós. Chegamos a novembro coa celebración do Día da Filosofía e das Librarías o 17. Pecha este calendario o Día da Edición e o nacemento de Ánxel Casal o día 17 de decembro.
R.