Skip to main content

O foro #aculturasegue analiza os retos do audiovisual na era poscovid-19 coa cineasta Carla Simón e o fundador de Portocabo, Alfonso Blanco

O encontro estará ademais conducido polo director da Agadic, Jacobo Sutil. A sesión proponse analizar cuestións de fonda actualidade para os profesionais do ámbito da edición no momento actual, un sector marcado polo impacto económico da crise sanitaria nas salas de cine, o auxe de novos formatos e plataformas de distribución ou as consecuencias dos aprazamentos en rodaxes ou presentacións, que a propia Carla Simón sufriu estes días ao verse na obriga de aprazar un ano a rodaxe da súa segunda longametraxe, Alcarràs.

A actividade, dirixida a profesionais do eido cultural e a todo tipo de público interesado, está organizada pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, no marco do Xacobeo 2021. Forma parte do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da covid-19 e poderá seguirse de balde por videoconferencia en cidadedacultura.gal.

Dous relatores de excepción

A directora de cine e guionista catalá Carla Simón parte da súa propia experiencia vital e familiar para plasmar nas súas películas a complexidade da condición humana e das relacións familiares. Graduada en Comunicación Audiovisual pola UAB, estudou tamén na Universidade de California e a London Film School, onde escribiu e dirixiu o documental Born positive e a ficción Lipstick. Las pequeñas cosas. Estiu 1993 é o seu debut cinematográfico, no que conta a historia dunha nena de seis anos que vén de perder a súa nai e se muda ao campo coa súa nova familia. Estreada na Berlinale 2017 –onde gañou o premio á Mellor Ópera Prima– foi seleccionada para representar a España nos Oscar e recolleu máis 30 galardóns en todo o mundo, entre eles tres Goya. Carla Simón foi tamén recoñecida co premio ao talento emerxente Woman in Motion en Cannes 2018 e traballa agora na súa segunda longametraxe, Alcarràs, que vén de verse na obriga de aprazar un ano a súa rodaxe a consecuencia da covid-19. A cineasta tamén ensina cine a nenos a través do programa Cinema en Curs en Barcelona e imparte clases na ESCAC.

Compartirá espazo nos Foros #aculturasegue con Alfonso Blanco, quen na súa traxectoria como produtor conta con series como Terra de Miranda, As leis de Celavella, ou as inesquecibles Matalobos e Mareas Vivas, longametraxes de televisión como La Rosa de Alejandría ou Os fillos do sol e cine como El menor de los males, De Bares e Catalina. En 2010, funda Portocabo, onde ocupa o posto de CEO. En poucos anos posiciona a compañía como un referente nos principais mercados de coprodución Europeos, establecendo unha rede de alianzas para producir ficción para o mercado global. Nos dez anos de traxectoria de Portocabo converteuse nun dos produtores executivos máis relevantes do país, producindo ficción para Movistar +, ARTE France, RAI, RTP, Disney, TV3, TVG, etc e con series como: Hierro e Auga seca, ou o drama romántico Vidago Palace. É o primeiro galego en formar parte da International Academy of Television Arts & Sciences –a Academia dos Premios Emmy– e é tamén docente dende o 2004 no Máster de Produción e Xestión Audiovisual da Universidade a Coruña.

Reflexións sobre a cultura na era poscovid-19

Os Foros #aculturasegue consisten nunha serie de encontros online –en formato webinario– con especialistas procedentes de distintos campos das industrias creativas. Propóñense convidar á reflexión e á análise dos retos aos que se enfronta o sector no contexto actual de emerxencia sanitaria, e das implicacións que as medidas de contención da covid-19 están a provocar nas empresas e profesionais da cultura.

As súas catro primeiras entregas centráronse nos retos para os sectores do libro –coa participación do director de Turner, Santiago Fernández de Caleya e a responsable de edición de Rinoceronte Editora, Anxa Correa–, da música clásica ¬–co ensaísta e crítico Juan Ángel Vela del Campo e a directora técnica da Real Filharmonía de Galicia, Sabela García Fonte– e das artes escénicas –cos directores artísticos de La Fura dels Baus, Carlus Padrissa, e Voadora, Marta Pazos–; e na creación de contidos dixitais no contexto actual –coa responsable de programas virtuais do Museo Reina Sofía, Olga Sevillano Pintado, e do coordinador de proxectos dixitais do Consello da Cultura Galega, Manuel Gago Mariño–. Todos eles puideron seguirse en directo –coa posibilidade de establecer un diálogo cos relatores participantes– e poden ser vistos novamente na canle de YouTube da Cidade da Cultura de Galicia.
R.