Skip to main content

A Estratexia Galega de Mobilidade definirá unha rede coordinada de servizos e infraestruturas para o país

Trátase de establecer unha mobilidade de baixas emisións, que promoverá o transporte público, a intermodalidadee os desprazamentos non motorizados dun xeito efectivo.

A estratexia será de carácter multimodal, é dicir, fomentará a cultura cidadá e empresarial da mobilidade sostible. Para isto, potenciaranse as formas de desprazamento que reduzan os impactos negativos do uso do automóbil.

O programa aposta con determinación por un sistema de transporte público, coordinado e sostible. En canto ao transporte interurbano de viaxeiros, implantarase unha área única de Transporte de Galicia, coa extensión a todo o territorio das tarxetas TMG e Xente Nova.

A tarxeta TMG permite descontos nas tarifas do transporte público e a Xente Nova posibilita que os menores de 21 anos viaxen gratis nos autobuses interurbanos da Xunta.

O deseño desta Estratexia tamén abranguerá unha especial consideración en relación á chegada do AVE a Galicia, establecendo unha rede de infraestruturas e servizos que permita desenvolver todo o potencial que suporá a alta velocidade na comunidade.

Nas estradas, a mobilidade do futuro xirará en torno aos vehículos autónomos, eléctricos e compartidos. Por iso, en base ás conclusións desta estratexia, elaborarase unha planificación de vías adaptada ás novas modalidades de mobilidade.

Ademais da programación da execución de novas estradas e o acondicionamento do viario existente, incluiranse sendas peonís e ciclistas, adaptaranse as vías para o funcionamento do coche autónomo e determinaranse puntos de recarga para vehículos eléctricos.

A Estratexia Galega de Mobilidade coordinarase coa Estratexia Loxística de Galicia 2020–2028, que avanzará na cohesión territorial para minorar o efecto da posición periférica de Galicia respecto ao resto de Europa e potenciar a oportunidade como porto da fachada Atlántica.

Esta planificación integral da mobilidade situará a Galicia con maior vantaxe para poder acceder aos diferentes plans de investimentos europeos, que están condicionados a contar nos estados membros con estratexias concretas.

Elaboración da Estratexia

Para elaborar a estratexia, realizarase un intenso traballo de campo, que comezará pola análise da situación actual das infraestruturas de transporte dentro de Galicia e co exterior, así como da súa intermodalidade.

Utilizaranse datos de telefonía móbil, cumprindo coas normativas vixentes de protección de datos, que se tratarán mediante tecnoloxía big data e realizaranse enquisas orixe-destino para completar a información.

Tamén se consultarán os aforos de estradas e os datos de usuarios de transporte público ou as estatísticas ferroviarias, aeroportuarias e de transporte marítimo. Con esta información elaboraranse matrices orixe/destino con segmentación por modos de transporte, en diferentes períodos e día tipo.

Posteriormente, procederase á visualización dos resultados orixe/destino entre concellos nun visor web baseado en GIS. A partir de aí, modelizarase a demanda no sistema de transportes na comunidade en distintos escenarios.

A partir da información obtida e das conclusións establecidas, redactarase a Estratexia de mobilidade, que será obxecto de consulta pública para que as persoas, administracións e organismos interesados poidan participar na planificación.
R