Skip to main content

158 unidades máis de educación infantil e primaria, e incorporación de 240 novos profesores para o próximo curso

O reforzo no caso da educación secundaria concretarase en setembro, tendo en conta que é nese momento cando se dispón dos datos definitivos logo do peche da matrícula na totalidade dos centros, unha vez rematadas as probas de recuperación.

A estas medidas súmanse outras da consellería como a iniciativa Apoio, Reforzo de Competencias e Orientación dirixidas a centros públicos de primaria e secundaria (ARCO). Trátase dun instrumento de apoio aos centros para a mellora do rendemento académico que complementa os Contratos-Programa, e que lles permitirá aos centros contar con 543 docentes de apoio contratados no curso 2020-2021 (221 para Primaria e 322 para ESO).

Escolas Unitarias

Así mesmo, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde pola que se modifican as unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional nos niveis de educación infantil, educación primaria e educación especial.

Tendo en conta os datos de matrícula, o vindeiro curso escolar deixarán de prestar servizo educativo 2 escolas unitarias, debido ao baixo nivel de alumnado nestes centros. Trátase, na provincia da Coruña, das EEI de Luaña (Brión, 5 matrículas) e EEI de Comiáns (A Laracha, 5 matrículas). Cómpre sinalar que a Consellería mantén, un ano máis, o criterio de que haxa como mínimo seis alumnos matriculados.

Ademais das unidades que se modifican a través da citada orde (creacións ou supresións), habilitaranse unidades específicas para facilitar o desdobramento de aulas, reforzándose especialmente a dotación de profesorado de cara ao vindeiro curso 2020-2021, para facer fronte á situación creada pola COVID-19 e adoptar deste xeito medidas de prevención e seguridade nas aulas.

Os datos globais das unidades por provincias son os que a seguir se detallan:

A Coruña, 116
Lugo, 3
Ourense, 18
Pontevedra, 21
Total, 158
R.