Skip to main content

O universo Balbino celebra seis décadas da publicación de 'Memorias dun neno labrego'

Durante o acto -que tamén contou co presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo; do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e do presidente da Editorial Galaxia, Antón Vidal- o conselleiro de Cultura salientou a vixencia desta obra que segue presente nas escolas e centros de ensino e entre os centos de lectores que aínda hoxe segue colleitando en todo o mundo. Neste sentido, referiuse ás súas 35 edicións e aos máis de 700.000 exemplares, así como as traducións a idiomas como o alemán, o sueco, o romanés, ucraíno, búlgaro, o esperanto, o checo, o maia ou o ruso e á súa edición en Braille, o que o converten no libro escrito en galego máis traducido e editado.

Herdanza artística

A conmemoración desta efeméride completouse coa presentación do documental Un legado de futuro, un novo contido audiovisual que achega datos relevantes sobre Neira Vilas o seu tempo e a súa obra.

Seis décadas despois da súa publicación e un lustro desde o pasamento de Neira Vilas, Memorias dun neno labrego -que saíu do prelo da editorial Follas Novas de Bos Aires en xaneiro de 1961- segue revalidando o seu posto entre as dez obras máis vendidas en 2020 pola Editorial Galaxia. Para alén disto, numerosas adaptacións e iniciativas sociais, editoriais, teatrais, audiovisuais, musicais e pictóricas configuran e completan o universo Balbino, a herdanza artística do autor de Vila de Cruces máis universal.
R.