Galicia conta cunha folla de ruta propia coa que afrontar os efectos do cambio climático na comunidade

Galicia xa leva tempo preparada na loita contra este fenómeno e, de feito, fixo unha serie de alegacións á Lei estatal de cambio climático que non foron atendidas. Nesta liña, a Consellería lamenta que non se contara na súa elaboración coa participación do Goberno galego, cuxa Estratexia é máis ambiciosa, e que non se atenderan ata o de agora as reiteradas peticións de modificar a devandita norma.
Segundo Pérez Castellanos, a folla de ruta da Xunta tamén prevé outros tres ámbitos de actuación: a adaptación aos efectos do cambio climático, a sensibilización da cidadanía e a investigación e a innovación.
A modo de exemplo, citou o traballo que se está a realizar no reforzo da monitorización dos efectos do cambio climático sobre o territorio galego e na mellora de mecanismos de resposta fronte os eventos climáticos extremos son parte fundamental das pautas de adaptación.
Así mesmo, puxo en valor o labor que se realiza na Comunidade grazas á existencia dunha infraestrutura de observación meteorolóxica e océano-meteorolóxica que permite dispoñer de series históricas de datos, que facilitan a avaliación dos impactos de cambio climático. Estas series e modelos matemáticos de predición en atmosfera e mar son un apoio importante á hora de poñer en marcha ferramentas específicas de apoio á xestión de fenómenos adversos.
A directora xeral tamén destacou que desde o ano 2016 Galicia conta cunha ferramenta de apoio á avaliación dos efectos do cambio climático, un visor de escenario climáticos que permite coñecer os cambios esperados en 22 índices relacionados coa temperatura e a precipitación en función da redución das emisións de gases de efecto invernadoiro. Este visor está baseado en datos diarios e permite a consulta por concello, pois “a adaptación deste fenómeno global debe abordarse desde o eido rexional e local”. Nese sentido, engadiu que as rexións, e Galicia en concreto, traballan con moita máis anticipación que o propio Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.
Por último, a directora agradeceu a oportunidade de participación nesta xornada na que se pode poñer en valor o traballo que se realiza desde a Xunta e que permite achegar un gran de area aos obxectivos fixados no proxecto Life Shara, como dar a coñecer a importancia e relevancia da adaptación ao cambio climático e o aproveitamento de sinerxías e recursos para analizar os impactos do derivados e compartir as medidas que os eviten ou limiten.
R.