Skip to main content

Novas axudas para que as pemes galegas incorporen o deseño como ferramenta de innovación e sustentabilidade

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe en Ferrol no IV Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial






Imaxe 1 de 2
1 de 2

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, avanzou que a Xunta convocará a nova liña de axudas DeseñaPeme, para que pemes e microempresas galegas incorporen o deseño como ferramenta de innovación e sustentabilidade. Segundo apuntou, a previsión é poder apoiar 50 proxectos a través dun investimento de 1,5 millóns de euros con axudas que oscilan entre os 5000 e os 100.000 euros.

Conde, que interveu no IV Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial, no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol, explicou que se trata dunha liña de apoios específica enmarcada no novo Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024-Diferenza, no que colabora a Fundación Didac. Un programa que busca consolidar a cultura da innovación e o deseño no tecido empresarial de Galicia para dar resposta aos retos actuais, en liña co que marca Europa. O obxectivo, engadiu, é crear un ecosistema galego de deseño e innovación orientado ao desenvolvemento económico de Galicia.

Segundo explicou, potenciará actuacións como a construción de grupos multidisciplinares de co-creación para establecer pontes entre a ciencia e a tecnoloxía e a arte e a cultura co deseño como nexo condutor; o desenvolvemento de novos produtos, servizos e modelos de negocio que se constitúan como exemplos de deseño para a innovación e a sustentabilidade; así como accións para favorecer o recoñecemento, visibilidade e difusión de empresas e profesionais que aposten por estes elementos para a mellora do benestar social e a competitividade empresarial. Ademais, constituirase unha Rede Internacional de Profesionais do Deseño Galego para poñer en valor o talento e se convocará a segunda edición dos Premios Galicia Innovación e Deseño.

A iniciativa dá continuidade ao traballo que se vén desenvolvendo desde 2018 para incorporar o deseño ao mundo empresarial e poñer en valor a figura do deseñador impulsando a posta en marcha do mapa de provedores de servizos de deseño; unha plataforma en liña con imaxes sobre a historia do deseño na Comunidade; proxectos pilotos sectoriais, así como encontros e publicacións sobre o tema, entre outras medidas.

Conde destacou que o deseño é unha ferramenta estratéxica para a innovación, a sustentabilidade e o benestar, capaz de mellorar a competitividade empresarial. Segundo dixo, con este novo programa a Xunta quere dar continuidade ao traballo que vén facendo arredor do deseño con Marca Galicia. Un labor de impulso ao deseño en todo o tecido económico pola súa versatilidade á hora de crear valor, potenciar a produtividade e o acceso a novos mercados. E un labor, tamén, para identificar casos de éxito na Comunidade.
R.