Skip to main content

Máis dun cento de expertos e preto de 70 empresas punteiras do sector dos vehículos non tripulados exporán e analizarán en Galicia as novas tecnoloxías e usos dos drons na sexta edición de Unvex

No congreso, organizado coa colaboración da Xunta de Galicia, abordaranse a aplicación e casos de uso de drons nos servizos públicos, a utilidade de sistemas aéreos, terrestres e mariños remotamente tripulados en seguridade e emerxencias así como a relevancia da I+D+i e as oportunidades de emprego cualificado que xera este sector.

O programa de conferencias contará con 120 poñentes en 22 sesións, que traerán a Galicia a destacados actores do sector, entre os que se atopan representantes da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA); da Axencia Europea de Seguridade Aérea (EASA); da Asociación Española de Empresas Tecnolóxicas de Defensa, Seguridade, Aeronáutica e Espazo (TEDAE); do órgano xestor da navegación aérea en España, Enaire; do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA); do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana; do Ministerio de Ciencia e Innovación; da Axencia Europea de Control de Pesca (EFCA); do Centro Tecnolóxico para o Desenvolvemento Industrial (CDTI); da Axencia Europea de Defensa ou da Frota de Vixilancia Terrestre da OTAN, entre outros.

Polo aeroespacial de Galicia

A iniciativa pioneira da Xunta de Galicia para o impulso dunha industria dos vehículos non tripulados baseada na I+D+i, posta en marcha en 2015 e que ten garantida a súa continuidade coa Estratexia 2021-2025, terá unha destacada presenza en Unvex, coa participación de representantes de empresas e centros de coñecemento na área de exposición, no programa de conferencias e nas exhibicións.

Ademais, a Business Factory Aero, a incubadora e aceleradora de proxectos especializada en vehículos non tripulados da Civil UAVs Initiative, terá presenza en UNVEX com mostrador propio e 10 dos seus proxectos exporán as súas ideas e avances con pequenas ponencias na zona Ágora do evento durante toda a mañá do mércores 7 e o xoves 8 de xuño.

Servirá para amosar todo o potencial da industria aeroespacial galega no sector e para dar a coñecer as capacidades do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas como centro de ensaios para a certificación de vehículos aéreos non tripulados.

O Goberno galego aposta por esta nova Estratexia do Polo Aeroespacial de Galicia de cara aos próximos cinco anos co que se espera a participación de máis de 200 pemes do sector; a atracción de, alomenos, catro a oito empresas tractoras; a implantación de 20 novas solucións tecnolóxicas que permitan mellorar a eficacia, eficiencia e seguridade dos servizos públicos; a firma de, como mínimo, cinco acordos de I+D de compra privada de innovación ao ano; e a incubación ou aceleración de 24 novas empresas.

Demostracións marítimas e aéreas

Unvex conta cun amplo programa de demostracións. O evento desplazarase na tarde do 8 de xullo á Escola Naval de Marín onde se realizarán catro exhibicións de sistemas de superficie e un sistema aéreo deseñado especificamente para operar desde embarcacións.

O 9 de xullo Unvex trasladarase ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), en Castro de Rei (Lugo), no que se poderán ver oito sistemas de ala fixa e ala rotatoria e un sistema contra UAS.

Unvex será tamén escenario dunha presentación de Ellas Vuelan Alto, a asociación de profesionais do sector aeroespacial que traballa para fomentar a igualdade neste eido con actuacións dirixidas a aumentar a participación da muller na vida pública e profesional, desenvolver proxectos que acheguen visibilidade á muller e recoñecemento ás súas competencias, incentivar a creación de redes de mulleres en empresas do sector ou fomentar as profesións do sector aeroespacial entre as novas xeracións de nenas e mozas.
R.