Skip to main content

O Atlas Lingüístico Galego aumenta o seu patrimonio coa publicación dun novo volume sobre 'O ser humano'

Uns poucos mapas recollen tamén a diversidade de significados con que son empregadas certas denominacións de medidas utilizadas no mundo agrícola (arroba, moio, ferrado, tego, etc.). Este novo volume é o segundo do ALGa con información léxica relacionada co ser humano, xa que en 2005 se publicou o volume V con datos sobre o vocabulario do corpo humano.

Os detalles deste novo fito do ALGa presentáronos o reitor Antonio López e o presidente da Fundación Barrié, José Mª Arias Mosquera, nun acto na Fundación Barrié no que tamén participaron a profesora e investigadora do ALGa, Rosario Álvarez, o secretario xeral de Cultura, Anxo Manuel Lorenzo Suárez, e o director do ILG, Xosé Luis Regueira Fernández. Na súa intervención, Antonio López, ademais de agradecer a participación das entidades e institucións implicadas no desenvolvomento do ALGa, avogou por seguir avanzando e dando maior amplitude ao alcance do Atlas a través de novos soportes con particular atención ás novas tecnoloxías, na procura dunha maior difusión cara á cidadanía. Pola súa banda, para José Mª Arias a presentación deste novo volume “asegura que o noso tesouro idiomático non se perda e segue adiante”.

O volume VII do Atlas Lingüístico galego, pertencente á colección ‘Biblioteca Filolóxica Galega’, integrada por traballos do Instituto da Lingua Galega, ocúpase do léxico da terra como espazo natural, das plantas e das árbores. Está constituído por 294 mapas que dan conta da variación léxica no dominio galego de conceptos vinculados coa familia, as relacións de parentesco, a vida en sociedade e certos oficios, en total máis de catro mil variantes léxicas para os case trescentos conceptos analizados. O equipo investigador conformárono os profesores Rosario Álvarez Blanco, Francisco Dubert García e Xulio César Sousa Fernández. No ámbito dos estudos de dialectoloxía europeos o Atlas Galego está recoñecido polo rigor na presentación dos datos e a calidade das visualizacións cartográficas.

ALGa

O ALGa enmárcase na Biblioteca Filolóxica Galega que xorde a finais dos anos noventa, dirixido polos lingüistas Constantino García (falecido en 2008) e Antón Santamarina, ao abeiro dun convenio entre a USC e a Fundación Barrié co obxecto de trasladar á sociedade obras relevantes de investigación filolóxica en calquera das distintas disciplinas e liñas de investigación que contribúan ao avance do coñecemento sobre a lingua galega pasada e presente.

Ata a data, a Fundación Barrié publicou todos os volumes do Atlas Lingüístico Galego: no ano 1990 publicouse o primeiro dedicado ao estudo da Morfoloxía verbal; en 1995 o segundo, arredor do estudo da Morfoloxía non verbal; entre 1900-1999 foi a quenda do terceiro, dedicado á Fonética; o cuarto veu a luz en 2003 baixo o titulo Léxico. Tempo atmosférico e cronolóxico; en 2006 saíu do prelo o V volume, sobre O ser humano; en 2016 presentouse o sexto volume baixo, dedicado a Léxico. Terra, plantas e árbores; aos que se suma o presentado este luns.

O material sobre o que se elaboran os volumes do ALGa está constituído polas enquisas realizadas en 167 localidades do territorio de fala galega entre os anos 1974 e 1977 por Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González. Este proxecto de investigación desenvólvese grazas ás axudas da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade e da Fundación Barrié.
R.