Skip to main content

A Cidade da Cultura acolle do 3 ao 4 de setembro a segunda edición do encontro Mulleres e Cultura Urbana con actividades para público mozo e familiar

O programa de actividades, dirixido tanto a profesionais do sector como a público mozo e familiar, combina propostas de experimentación creativa nos eidos do graffiti, a música, o baile e o deporte co diálogo, a reflexión e o intercambio de experiencias.

A primeira xornada terá lugar o venres 3 de setembro de 18,00 a 21,00 h no Auditorio 1 do Edificio Cinc. A análise colectiva das boas prácticas na organización de festivais e eventos no sector da cultura urbana centrará unha sesión de conversa que promove a reflexión destes foros como un punto de encontro propositivo. Na mesa-redonda participarán de xeito presencial as galegas Maite Parga, técnica de Turismo do Concello de Carballo e promotora cultural, e Clara R. Cordeiro, comisaria e cooperativista cultural. A través de medios virtuais súmanse á conversa a comisaria e investigadora brasileira Marina Bortoluzzi e a arquitecta e mediadora comunitaria catalá Ninoska Juan. Moderada por Sara Alonso, a xornada conta colaboración da Rede Iberoamericana de Arte Urbana (RIAU), conformada por entidades e profesionais procedentes de España, Portugal e América Latina.

A segunda xornada, o sábado 4 de setembro ás 17,00 horas, será a segunda edición da Delas Jam, un encontro de experimentación con spray destinado a xerar un espazo lúdico e seguro para a creación de artistas urbanas. O Xardín do Teatro do Gaiás volverá transformarse nunha pequena galería de arte ao aire libre a través da instalación efémera de superficies de papel de celofán entre as árbores, sobre as que as participantes crearán as súas pezas. Carola Bagnato (Mar del Plata, 1990), Ira (Compostela, 1987), Killa Ek (Quito, 1991), Malicia (Barcelona, 1984), Sax (Vigo, 1980), Sphiza (Porto, 1987) e Zurik (Bogotá, 1990) son as sete artistas seleccionadas para participar na improvisación pictórica desta edición.

Como novidade, este ano a xornada incorpora novas actividades, dirixidas a fomentar unha maior e máis activa participación do público mozo e familiar. Así, para facilitar a experimentación co spray, tamén se habilitarán espazos de iniciación ao graffiti, nos que especialistas na disciplina darán pautas e supervisarán ás participantes que queiran aproximarse á técnica. Igualmente, reservarse unha área para a creación colectiva onde poderán participar libremente todas as artistas que asistan á xornada.

A música tamén gañará presenza grazas á celebración dun obradoiro de ritmos urbanos impartido por Jana Feeling, das 17,00 ás 18,00 horas, e á participación do combo galego de DJ Akazie e Russinha, que se encargarán de crear ambiente no recinto a partir das 18,00 horas. Para enriquecer a programación e incorporar os deportes urbanos á mesma, o encontro contará en paralelo coa I Jam feminina de skate, a partir das 18,00 horas. Finalmente, a xornada despedirase no escenario do anfiteatro coa actuación de Menina Arroutada a partir das 20,00 horas.

O programa en detalle e os enlaces para a inscrición en cada unha das actividades están dispoñibles na web cidadedacultura.gal. Co fin de ampliar a proxección e difusión da actividade, o encontro emitirase en streaming na canle de Youtube de 7H Cooperativa Cultural.
R.