Skip to main content

Máis dun 13% das empresas galegas conta con perfís dixitais

Os perfís máis habituais entre as empresas que contratan este tipo de profesionais son os especialistas en Xestión do dato, que representan un 8%, seguidos dos expertos, seguidos de profesionais de Ciberseguridade (5,1%), e expertos en Intelixencia Artificial que supoñen un 2,1%. Estas son algunhas das conclusións que se extraen da enquisa sobre “O uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2020/2021” publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que vén de analizar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Os datos tamén reflicten o impacto da Covid-19 na adopción do teletraballo. Así o 45,3% das empresas de máis de 10 empregados afirma contar con persoal que teletraballa, o que sitúa a Galicia como a sexta Comunidade Autónoma con maior uso desta modalidade.

Big data, Internet das cousas, robótica e Intelixencia artificial

En canto ao uso de tecnoloxías disruptivas, o 23,6% das empresas de 10 ou máis empregados de Galicia utilizaron dispositivos interconectados que poden ser monitorizados ou controlados remotamente a través de Internet (o Internet das cousas), o que representa un crecemento do 41,7% no último ano. Ademais, o 9,4% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores empregou Big Data, experimentando un crecemento do 1,7% no último ano.

Un 7,2% das empresas galegas de 10 ou máis empregados utiliza algún tipo de tecnoloxía de Intelixencia Artificial, o que as sitúa na 9º posición no ranking por CC.AA.

O 11% das microempresas empregou algún servizo de Cloud Computing, situando a Galicia como cuarta comunidade autónoma con maior uso deste servizo. Nas grandes empresas tamén crece o dato, un 12,9% no último ano, ata situarse no 23,7%.

Contratación a Internet e velocidades de conexión

En canto á contratación de Internet, a practica totalidade das empresas galegas de 10 ou máis empregados (99%), dispón deste servizo contratado. Deste xeito Galicia sitúase no sétimo posto no ranking por Comunidades Autónomas, fronte ao 14º do ano anterior. No caso das microempresas galegas, ese indicador sitúase no 80,9%, un 3,1% máis que no último ano.

En canto ao tipo de conexión o 97,6% das empresas de 10 ou máis traballadores dispoñen rede Internet fixa, superando lixeiramente a media estatal (97,4%) e un 83,4%de banda larga móbil. No caso das microempresas, un 77,4% dispón de conexión a Internet fixa e un 78,9% a través de conexión móbil a Internet.

En canto á velocidade de conexión a Internet contratada, dúas de cada tres empresas galegas de 10 ou máis asalariados (66,9%) conta cunha velocidade superior aos 100 Mbps, un 5,2% que o ano anterior.

O uso das redes sociais segue aumentando ata acadar o 62,5% entre as empresas de 10 ou máis empregados e o 39,4% entre as microempresas, ocupando así o 2º lugar entre todas as comunidades autónomas.

As empresas de 10 ou máis empregados superan en máis de dous puntos porcentuais a media estatal de uso de software de código aberto, utilizándose no 85,2%.
R.