Skip to main content

O Museo do Pobo Galego lanza a primeira edición de Soa Bonaval, con concertos, conversas e itinerarios sonoros polas súas salas

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, salientou a oportunidade de que o Museo do Pobo Galego emprenda esta nova iniciativa coa que “se achegará aínda máis ao gran público e será unha ventá aberta a novos artistas que traballan sobre os sons clásicos e de raíz, o local e a cultura mesturando xéneros e demostrando o potencial da arte feita en Galicia”, engadiu.

Cantigas e refráns para coñecer as salas

Soa Bonaval arrincará este venres 22 e estenderase ata o domingo 24. É un evento organizado polo Museo do Pobo Galego con concertos, conversas e itinerarios que permitirán reforzar a relación do gran público do museo.

Así, a través do Son[Em]peza o venres ás 18,00 horas e o sábado ás 11,30 e ás 16,30 horas celebraranse diferentes itinerarios sonoros polas súas salas, facilitando que os visitantes se mergullen na colección e nos arquivos do centro museístico usando o son como elemento condutor. Neste percorrido entre as pezas das salas coñeceranse máis datos sobre elas (cando chegaron ao Museo, desde onde, quen as fixo), acompañados por cantigas, refráns, trabalinguas, contos ou sons asociados a ditos obxectos.

[Em]peza-mos

A Igrexa de Bonaval estreará o venres ás 20,00 horas a proposta EXVBA, a cargo de Xavi Font e Elba Fernández -gañadores do Mestre Mateo 2020 á mellor música orixinal por Hierro-, un proxecto para compartir unha efémera experiencia co público, exclusivamente en espazos eclesiásticos e unindo o mundo da polifonía do século XVI e do XXI.

O sábado 23 será a queda da compositora, produtora, intérprete e pintora Lorena Álvarez. Irrompeu na escena musical reivindicando as posibilidades da música folclórica e situando a música tradicional nun novo contexto no que a contemporaneidade e a tradición van da man. Actuará na Igrexa de San Domingos de Bonaval ás 13,00 horas.

Ese mesmo día, pero ás 20,00 horas será a quenda de Peña. Logo de publicar Fórmula volven agora co seu primeiro traballo de estudo titulado Carreiro. Un debut que supón unha revelación, xa non en termos de transcender o folkie, senón no que se refire a música contemporánea en galego.

Tradición oral galega

O domingo 24 ás 12,00 horas Raül Refree, un dos produtores españois máis aclamados da última década estará tamén na Igrexa de San Domingos de Bonaval. Agora, da man de Luneda Producións, está a traballar coa música tradicional galega. Este verán realizou dúas residencias artísticas nas que visitou distintos arquivos sonoros, entre eles o APOI-Museo do Pobo Galego, e mantivo encontros con artistas da nosa música de raíz

Ás 13,00 horas actuará Tralo-Valo, o dúo da tocadora Carme da Pontragha e o zanfoneiro Ariel Ninas, cun repertorio baseado na tradición oral galega. Neste concerto interpretarán temas recolldos polo antropólogo danés Gustav Henningsen en Galicia nos anos 60. Sobre melodías tradicionais e novas composicións de inspiración na música de raíz, recuperan coplas e compoñen outras novas para criar un discurso coherente, positivo, crítico e en feminino.

Ás 18,00 horas será a quenda de Libredón. Tras colaborar coa Librería Pedreira na Semana da Novela Negra e como membro de Colapso Colectivo, Denís Estévez prosegue por un camiño que o achegue á composición. Libredón saíu do souto compostelán hai pouco tempo, defendendo cas súas mans a proximidade tan necesaria dos sons do pasado. Desfragmentando e recompoñendo pezas clásicas cunha linguaxe analóxico-dixital, o santiagués expresa sensacións afíns a cada espazo.
R.