Skip to main content

Galicia participará na Semana Europea das Rexións e das Cidades que se celebra a principios de outubro

A menos de dous meses para a celebración da Semana Europea das Rexións e Cidades (#EURegionsWeek), a Xunta fai un chamamento á sociedade e aos axentes galegos a participar do 10 ao 13 de outubro no maior evento anual dedicado á política de cohesión. Tras dúas edicións dixitais debido á pandemia, a maior parte dos máis de 300 eventos previstos este ano continuarán sendo neste formato e un 10% adoptarán un formato híbrido (presencial e virtual). O período de inscrición comeza este mércores 31 de agosto.

Nesta vixésima edición, a #EURegionsWeek levará por lema Novos retos para a cohesión europea e centrarase en catro temas: a transición verde, a cohesión territorial, a transición dixital e o empoderamento da mocidade. A Fundación Galicia Europa (FGE) participa este ano como socia nun consorcio de rexións para organizar un seminario o 12 de outubro baixo o título Regions addressing integrated sustainable urban development trough Cohesion Policy projects.

No encontro presentaranse casos de éxito relacionados co desenvolvemento urbano sostible por parte de municipios e rexións de Portugal, Romanía, Polonia e Eslovenia. Pola súa banda, Galicia vai presentar o labor da Xunta como coordinadora e impulsora do Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía en Galicia. Máis do 90% dos municipios galegos están adheridos hoxe a este Pacto, o que implica un forte compromiso para reducir as emisións e a posta en marcha dun plan de traballo para cumprir os obxectivos.

Ademais, a Fundación Galicia Europa apoia a Axencia Galega de Innovación, que participa nun consocio de rexións liderado pola rede Vanguard Initiative. O seminario centrarase neste caso na transición dixital e celebrarase na oficina da FGE en Bruxelas. Representantes de rexións e municipios de Romanía, Bélxica, Portugal e Holanda, exporán xunto con Galicia exemplos de como están a conectar os seus ecosistemas de innovación co obxectivo de desenvolver novas cadeas de valor interrexionais.

O sitio web da Semana Europea das Rexións e Cidades ofrece toda a información sobre os actos previstos e o formulario de inscrición. O evento está afianzado como unha plataforma única de comunicación que atrae representantes políticos, funcionarios, expertos e académicos de toda a Unión Europea. Durante os últimos anos contribuíu de modo decisivo ao intercambio de experiencias e coñecementos entre rexións, municipios e institucións comunitarias. En 2021, a segunda edición dixital alcanzou unha cifra récord de case 18.000 participantes e preto de 600 entidades públicas e privadas colaboradoras.

A Fundación Galicia Europa

A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Conta con dúas oficinas: unha presente en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 delegacións rexionais establecidas na capital comunitaria.
R.