A Filmoteca de Galicia súmase ao centenario de María Casares coa proxección das súas películas rodadas en Francia

Tamén o ciclo de Charles Chaplin, iniciado en outubro, terá novas entregas ao longo de todo o presente mes, coa proxección de películas tan emblemáticas como Tiempos modernos (días 5 e 8), El gran dictador (días 12 e 15) e Monsieur Verdoux (días 26 e 29).
A partir da palabra para Filmes falados
Um filme falado é o título dunha película de Manoel de Oliveira de 2003, unha fábula onde os personaxes, pechados nun cruceiro polo Mediterráneo, discuten sobre o divino e sobre o humano, nunha sorte de metáfora sobre o destino da civilización europea, mesturando con total naturalidade linguas diferentes. A partir desta idea, a Filmoteca de Galicia traza un panorama por ese cine máis recente edificado a partir da palabra, tendo en conta que o diálogo sostén moitas películas contemporáneas e moitos cineastas son verdadeiros mestres na arte de combinar as palabras e as imaxes.
Baixo esta categoría poderemos ver, por exemplo, Ordet (La palabra), de Carl Theodor Dreyer (días 3 e 4), Quiero hablar sobre Duras, de Claire Simon (días 9 e 10), Malmkrog (día 11), La ruleta de la fortuna y la fantasía, de Ryûsuke Hamaguchi (días 16 e 17), La mamá y la puta (día 18) ou Introduction, de Hong Sang-soo (día 30).
María Casares na gran pantalla
A retrospectiva dedicada a María Casares, que terá continuidade ao longo do mes de decembro na Filmoteca, iniciarase o 22 de novembro, día seguinte ao do cumprimento do centenario do seu nacemento, o 21 de novembro na Coruña, e data que marca o pasamento da actriz en Alloue (Francia) en 1996. A película escollida para esta xornada é a que marca o seu debut no cinema, Los niños del paraíso, de Marcel Carné, que terá un segundo pase o venres 25.
Outros títulos da cinematografía francesa con Casares como protagonista e que se proxectarán na sede da Filmoteca de Galicia son Orfeo, de Jean Cocteu (días 23 e 24), Las damas del bosque de Bolonia, de Robert Bresson (día 24) e unha sesión dobre o 29 de novembro con Guernica, de Alain Resnais e Robert Hessens, xunto con El testamento de Orfeo, de Jean Cocteau.
Con esta serie de proxeccións, a Filmoteca contribúe á celebración do centenario de María Casares desde a gran pantalla, incorporándose deste xeito ao resto de programa de actividades de difusión que vén realizando durante todo o ano a Xunta de Galicia para conmemorar esta efemérides.
Novembro de 2022 marca tamén outro centenario: o de José Sellier, figura que lle dá nome á sala de proxeccións da Filmoteca. Con este motivo, o día 23 ese mesmo espazo acollerá un coloquio arredor deste cineasta de orixe francesa, pioneiro do cinema galego desde a súa actividade cinematográfica sempre vinculada á cidade da Coruña.
Outros apartados e ciclos como Off Galicia, Filmoteca Jr., Banda á parte, Desencadres ou A casa do cinema terán así mesmo novas citas co público nunha completa carteleira que pode consultarse no web.
R.