Skip to main content

Presentado o documental 'Maria Casares: a muller que viviu mil vidas' coincidindo coa data na que se cumpren 100 anos do nacemento de María Casares

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, participou esta mañá na presentación do documental María Casares: a muller que viviu mil vidas filme Agallas Films conm subvención da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades Dirixido por Xabier Villaverde,o filme estréase esta noite no Teatro Colón, onde chega tras o seu paso polo Festival Internacional de Cinema de Ourense e pola Seminci de Valladolid.
 
Trenor destacou que “este documental nos propón un achegamento íntimo e profundo á vida desta muller extraordinaria, e unha homenaxe, desde a súa Galicia natal, a unha figura cegadora, magnética e fundamental nas artes escénicas da Europa do século XX”. Conta coas intervencións —entre outros— de María Lopo, Emilio Grandío, Manuel Rivas, Mabel Rivera, Johanna Silberstein, Jorge Lavelli, Marion Chénetier-Alev e Manolo Lourenzo.
 
O delegado da Xunta lembrou que a programación da Xunta no centenario de María Casares intensifica as súas actividades nesta recta final do ano con novas conferencias, exposicións e propostas escénicas e audiovisuais que se poderán gozar a partir da semana próxima, coincidindo coa data do seu nacemento, que se conmemora hoxe 21 de novembro.
 
Hoxe mesmo, a Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura inaugura unha nova exposición bibliográfica con fondos propios que poderá visitarse ata o 27 de xaneiro e está comisariada por Patricia Babío e Carina Fernández, técnicas da biblioteca. María Casares, a conquista da existencia inclúe unha trintena de libros, revistas, vídeos e discos que permitirán que os visitantes se acheguen á figura de María Casares que quedou plasmada no universo bibliográfico.
 
Súmase a esta mostra que acolle a Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña ata o 21 de decembro. Trátase de María Casares, residente privilexiada, que reconstrúe mediante 200 libros, fotografías, películas e documentos e vida da actríz, a súa contorna familiar e a súa relación co mundo cultural francés. Dentro da exposición teñen especial relevancia preto de 60 libros pertencentes á biblioteca persoal do seu pai, Santiago Casares Quiroga. Tamén destacan publicacións das obras representadas pola actriz. Ao final do percorrido recóllense os premios e homenaxes que recibiu ao longo da súa traxectoria profesional. Pode visitarse de luns a venres de 8,30 a 20,30 h.e sábados de 10,00 a 14,00 h.
 
Achegamento á súa figura

Un día despois da efeméride, mañá martes 22 culmina no Museo de Belas Artes da Coruña o ciclo de conferencias María Casares. Do exilio ao escenario, que desde o pasado mes de febreiro celebrou unha ducia de relatorios con personalidades relevantes do mundo das artes e da cultura que coñeceron desde a proximidade o traballo e o legado da artista homenaxeada. A xornada de clausura, a partir das 19,00 h., correrá a cargo do músico Pedro Soler, que acompañou a María Casares en varias ocasións nas súas producións, e da catedrática María Delgado, que é responsable, como autora e coeditora, dunha ducia de libros entre os que destaca o que relata unha visión da historia do teatro español a través de seis artistas, onde María Casares é unha das protagonistas.
 
Ciclo audiovisual

Tamén se retoma na Filmoteca de Galicia o ciclo audivisual que arrancou o pasado mes de xuño. Mañá martes 22 de novembro proxéctase o filme que marca o seu debut no cinema, Los niños del paraíso, de Marcel Carné, que terá un segundo pase o venres 25. Outros títulos da cinematografía francesa con Casares como protagonista que se proxectarán son Orfeo, de Jean Cocteu (días 23 e 24), Las damas del bosque de Bolonia, de Robert Bresson (día 24), e unha sesión dobre o 29 de novembro con Guernica, de Alain Resnais e Robert Hessens, xunto con El testamento de Orfeo, de Jean Cocteau.
 
Todas estas iniciativas intégranse na intensa programación levada a cabo pola Xunta durante todo o ano a través de máis dunha ducia de propostas dixitais, editoriais, escénicas e audiovisuais que percorreron a pegada de María Casares desde diferentes plataformas e linguaxes. Xunto ao Goberno galego participan numerosas entidades e institucións de distintos territorios como a Biblioteca Nacional de España, a Embaixada de España en Francia, o Instituto Cervantes, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Edicións Xerais, a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), entre outras.
R.