Skip to main content

Fernando Castro Paredes, Ana Carreira, Eva Mejuto e José Luis Baños de Cos gañan os Premios de Literatura Dramática da Xunta

O Salón Teatro de Santiago acolleu esta mañá o acto de comunicación e entrega destes galardóns, no que interviñeron o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a presidenta do xurado, Cristina Domínguez Dapena, ademais de tres dos autores premiados: Fernando Castro Paredes, Eva Mejuto e José Luis Baños de Cos. Pola súa banda, a actriz Melania Cruz foi a encargada de recoller o Manuel María en nome de Ana Carreira.
 
Achega económica e edición

Tanto Anxo M. Lorenzo como Jacobo Sutil felicitaron os catro e destacaron a consolidación destes galardóns da Xunta como referente na literatura teatral galega contemporánea, especialmente no caso do Álvaro Cunqueiro en calidade de premio máis lonxevo no seu ámbito. A súa dotación é de 8000 euros, mentres que o resto de galardóns e modalidades contan con 6000 euros en cada caso, de xeito que a achega económica a esta convocatoria conxunta elévase a 26.000 euros. Ademais, as bases recollen a posibilidade de que as obras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Xunta mantén con Edicións Xerais e Baía Edicións.
 
Xunto con Cristina Domínguez, este ano integraron o xurado dos premios como vogais Santiago Cortegoso, Esther Carrodeguas, Francisco Macías, Carolina Ramos e Carme Varela, que emitiron o seu ditame a partir dos 84 orixinais presentados, dos que 48 optaban ao Álvaro Cunqueiro, 17 ao Manuel María, 11 á modalidade infantil do Barriga Verde e 8 á categoría de teatro para adultos deste mesmo premio.
 
Inquietante humor negro

Respecto da obra gañadora do Álvaro Cunqueiro, O traxe, valorou moi positivamente a calidade da súa escrita, ademais dunha “textualidade contemporánea excelentemente estruturada e dotada dun interesante ritmo, así como dun inquietante humor negro, e onde por medio de recursos dramáticos e expresivos se nos presenta un personaxe representativo da complexa sociedade europea contemporánea”.
 
Así mesmo, o xurado considerou formal e tematicamente “enriquecedora” a posible posta en escena deste texto, no que un home moi enfermo regresa á súa casa tras unha penosa estadía no hospital e escapa do control familiar para levar a cabo un proxecto inaprazable: mercar un traxe novo.
 
Con O traxe, Fernando Castro Paredes suma o Álvaro Cunqueiro á súa galardoada traxectoria como dramaturgo despois de ter sido recoñecido co Varela Buxán, o Roberto Vidal Volaño, o Rafael Dieste ou o Nova Dramaturxia Galega Actual, entre outros. Moi vinculado ao teatro escolar e afeccionado na zona da Costa da Morte, entre as súas obras xa editadas atópanse A derradeira bala, Papirofleixa, Pallaso, Amorodo agre e Ofelia ou o cabeiro da cóbrega.
 
Universo peculiar para abordar temas claves

Pola súa banda, en Nin me amoles Ana Carreira aborda a historia de Lola, unha nena a quen unha personaxe imaxinada lle aprende, entre xogos e reviravoltas, a se enfrontar aos moitos problemas do seu día a día. Entre outros aspectos, o xurado destacou a creación dramática da protagonista, que se afasta do rol feminino clásico tanto polo seu comportamento como polo seu pensamento, combinando habilmente a inxenuidade coa complexidade psicolóxica.
 
Subliñou tamén tanto a calidade dramática como literaria da peza, ao servizo da acción grazas a uns diálogos áxiles, unha escrita orixinal e coidada e unhas meticulosas anotacións que crean un universo peculiar no que se tratan temas claves para a infancia na sociedade contemporánea.
 
Graduada na especialidade de Dirección Escénica e Dramaturxia pola Escola Superior de Artes Dramática de Galicia, Ana Carreira é actriz, narradora oral e pedagoga teatral, ademais de dramaturga escenificada por diferentes compañías. En 2014 foi galardoada co Varela Buxán pola peza Un intre antes do solpor. Cofundadora de Ubú Teatro, forma parte tamén da compañía Pínconús.
 
Unha volta aos contos clásicos

Os contos do Lobicán, texto gañador do XV Premio Barriga Verde na modalidade de teatro para rapaces, é unha historia en verso, áxil e atrevida, que busca darlle a volta aos contos clásicos. Ademais da súa linguaxe e estilo, o ditame incide na proposta estética, cunha concepción plástica que “reforza o universo tradicional de referencia sen deixar de poñer solucións relacionadas con tendencias escénicas máis actuais”.
 
Doutora en Xornalismo, Eva Mejuto posúe unha ampla experiencia nos ámbitos editorial e da xestión cultural. Como escritora, conta con numerosos títulos editados entre adaptacións de contos ao formato de álbum ilustrado e novelas para público xuvenil. De feito, en 2021 recibiu o premio das Bibliotecas Escolares como a autora máis lida do ano e a súa obra Neko foi recoñecida como mellor obra infantil nos Premios Follas Novas.
 
Futuro distópico

Na modalidade de teatro para adultos, o Barriga Verde foi para José Luis Baños de Cos con Nas nubes, obra que propón unha situación futurista e distópica na que dous guías dun museo lle amosan a un público erudito obxectos da era “predixital”, cunha ambientación musical e estética inspirada na cultura xaponesa.
 
Para o xurado, Nas nubes é “unha proposta clara e atractiva” cara a unha posta en escena na que se mesture a intervención dos manipuladores dos monicreques cos propios personaxes. Ademais, “remite a un rexistro teatral no que os obxectos cobran un gran valor, tanto na súa dimensión plástica como simbólica”, integrando temáticas como a obsolescencia programada ou a dixitalización da conduta humana.
 
José Luis Baños de Cos compaxina a docencia teatral coa súa actividade como dramaturgo, coa que obtivo tamén numerosos premios como o de teatro breve Jenaro Marinhas del Valle, Abrente da Mostra Internacional de Teatro e Ribadavia, Roberto Vidal Bolaño, Varela Buxán ou o de textos teatrais para público infantil da Escola Navarra de Teatro. Entre as súas obras representadas, atópanse O faiado por Teatro Ó Cubo, A espera por Titereficcións e Suit(e) Up por Fanfarra Teatro.
R.