Preto de 700 persoas danse cita no monte Gaiás para celebrar o 'I encontro 21 días co galego e+'
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no primeiro encontro que reuniu unha ampla representación do alumnado e do profesorado participante na V edición do programa de dinamización lingüística 21 días co galego E+, promovido pola Xunta co obxectivo de estimular o uso oral da lingua galega entre a xente nova tanto dentro como fóra dos centros de ensino.O representante da Xunta, que estivo acompañado da profesora Pilar Ponte, coordinadora xeral do programa, agradeceulles que axudasen “a facer medrar esta iniciativa que nos mostra que podemos usar o galego todos os días e para calquera cousa que fagamos” e expresou o seu desexo de que “a experiencia fose positiva” e o uso da lingua propia de Galicia medre.
En total, preto de 700 persoas entre alumnado, profesorado e coordinadoras e coordinadores dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega déronse cita no Edificio Fontán do Gaiás para intercambiar experiencias e compartir unha tarde chea de actividades como teatro, baile, rap, desfile de moda, xogos etc.
Animados polos xonalistas Carlos Amado e Esther Estévez, os representantes dos 12 centros participantes subiron por quendas ao escenario para interpretar ante os demais os seus respectivos espectáculos, que se intercalaron coa actuación da Asociación Cultural e Deportiva Vella Escola, de Noia, que realizou tres shows ao longo da tarde: de freestyle football, de beatbox e de breaking.
Dinamizar o uso da lingua galega na mocidade
Este encontro enmárcase na celebración da V edición do programa de dinamización lingüística 21 días co galego e +, que se desenvolveu entre o 24 de xaneiro e o 13 de febreiro en 12 centros de ensino das catro provincias galegas e acadou a cifra máis alta de participantes ata o momento, con máis de 4.500 persoas involucradas.
Neste curso 2022/23 o programa desenvolveuse no IES Plurilingüe Rafael Dieste (A Coruña), IES de Melide (Melide), CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero) e CPR Divino Maestro (Santiago), todos eles na provincia da Coruña; no CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Xesús (Ribadeo) e IES María Sarmiento (Viveiro), na provincia de Lugo; no IES Nº1 do Carballiño (O Carballiño) e CPI Virxe dos Remedios (Castro Caldelas), en Ourense; e no CPI Plurilingüe Alfonso VII (Caldas de Reis), CPI Plurilingüe Arquitecto Palacios (Nigrán), IES Aquis Celenis (Caldas de Reis) e IES A Basella (Vilanova de Arousa), na provincia de Pontevedra.
R.






