Skip to main content

Últimos días para visitar a mostra 'Valle-Inclán íntimo' no Colexio de Fonseca

A directora da Cátedra institucional da USC que leva o nome do autor e comisaria da exposición, Margarita Santos Zas, subliña a gran acollida que tivo a iniciativa dende a súa apertura ao público a comezos de febreiro. Santos Zas comparte o comisariado con Javier del Valle-Inclán Alsina e José Manuel López Vázquez.

Todos os materiais expostos seguen unha pauta organizativa de carácter estético, que se plasma na súa disposición no salón Artesoado, a Capela e a Sancristía do Colexio de Fonseca. As cinco seccións que conforman a mostra establecen un diálogo con materiais documentais asociados ao escritor: as súas entrevistas, conferencias, cartas, fotografías, textos das súas obras orixinais, ou manuscritos do seu puño e letra, entre outros.

Itinerarios

O itinerario comeza na Sección I ‘As poéticas das artes plásticas como pano de fondo’. A primeira idea expositiva parte dos óleos, augafortes e esculturas que o escritor coleccionou ao longo da súa vida e que se lle presentan ao visitante “non como motrices da inspiración de Valle-Inclán, senón como panos de fondo que emiten reflexos de poéticas e mesmo de asuntos e contidos que tamén podiamos rastrexar na súa literatura e na súa crítica artística”, explican os comisarios da mostra. Así, entre outras, exhíbense obras de amigos e compañeiros de faladoiro de Valle como Ángel Zárraga, Marceliano Santa María, Fernando Labrada, Rafael de Penagos ou Ricardo Baroja. Obras ás que se lles engade unha pequena paisaxe de Castelao —primicia desta exposición—, cando estaba dando os seus primeiros pasos como artista e que lle dedicou a Valle con afecto e admiración.

‘A achega española do 98: a España branca e a España negra’ é o título da segunda sección, dedicada a resaltar as consecuencias que a crise do 98 supuxo para a sociedade e, polo tanto, para a creación artística do momento. “Mentres que en ‘A España Branca’ destacamos a visión que Valle tiña da pintura desta tendencia como unha arte sen alma, de meros recursos técnicos, en ‘A España Negra’ fixémolo remarcando a procura dunha pintura simbólica, da que se quixeron destacar trazos como a etnicidade e o primitivismo, perceptibles na plasmación de tipos e costumes”, explican. No mesmo marco, o paso seguinte subliña o proceso da deformación expresionista á ‘Nova Figuración’ e detense na recuperación das formas primitivas do teatro, que de Souto materializa plasticamente.

A sección III ‘Máscaras de ficción: a creación dun personaxe’, desenvolve un novo fío que parte dun texto de La Lámpara Maravillosa (1916). Conforman esta sección as efixies e caricaturas de Valle, das que el era propietario. Aquí poden atoparse retratos de Ricardo Baroja, Vázquez Díaz e Maside e as caricaturas de Oroz, Fresno, Robles, Juan Luis, Maside e Bagaría, ás que se lles agrega un breve abano de retratos literarios, que asinan, entre outros, Josefina Blanco, Ricardo Baroja ou Rubén Darío. Tamén se expoñen aquí as vestiduras de Valle que contribuíron a construír o seu personaxe, que forma parte do imaxinario popular.

A sección IV, Vanitas, constitúe o penúltimo fío desta exposición e relaciona aqueles obxectos que se converteron co tempo en reliquias ou obxectos de culto, como é o caso dos materiais que conforman o deseño das obras do autor. Esta parte alberga condecoracións e recoñecementos que Valle gardaba como recordos ou pezas do mobiliario do domicilio familiar, acompañadas dalgunhas descricións de xornalistas ou amigos. Tamén se mostra nesta sección unha significativa selección de obras dedicadas a Valle-Inclán por autores galegos.

‘O rostro / xesto único da morte’, derradeira das seccións, ten o seu pé de novo en La Lámpara Maravillosa (1916). A iconografía deste último fío constitúena a máscara mortuoria de Valle-Inclán en bronce, realizada por Francisco Asorey (1936), ou o retrato de Valle-Inclán morto, realizado por Juan Luis. Ademais consérvanse nove folios orixinais coas sinaturas de pésame. Unha camelia seca, recollida das flores do enterro, un bosquexo de Baldomero Magariños para a tumba de Valle-Inclán, e unha carta da actriz Josefina Blanco, esposa de Valle-Inclán, pedíndolle a Asorey consello para a sepultura do seu marido, integran esta sección, que se pecha con dous poemas do escritor: ‘Mientras hilan las Parcas’ e ‘Karma’, nos que se refire á súa posteridade.

Horario

Organizada pola Cátedra Valle-Inclán, a mostra conta coa colaboración do Grupo de Investigación Valle-Inclán da USC e o apoio da Deputación da Coruña, o xornal La Voz de Galicia e a Xunta de Galicia. O horario de apertura esténdese das 11.00 ás 14.00 horas e das 17.00 ás 20.30 horas de luns a sábado.
R.