Skip to main content

Presentadas as novas edicións dos festivais audiovisuais Carballo Interplay e (S8) da Coruña

O Carballo Interplay arranca hoxe a súa décima edición, consolidado como a cita de referencia en contidos dixitais, tanto a nivel galego como estatal. O programa que desenvolverá ata o vindeiro día 1 no Pazo da Cultura fará fincapé neste décimo aniversario, combinando experiencias de creación dixital que comezaron a súa andaina hai unha década coas que están a iniciarse na actualidade.

Ademais das proxeccións de series nas seccións de competición e das accións específicas da Zona Pro, o Carballo Interplay ofrece múltiples paneis, encontros e actividades, como a emisión en directo do podcast Dentro, o espectáculo sobre a mítica serie Médico de familia de Los Hermanos Podcast, proxecto de Noel Ceballos e El Hematocrítico, ou o habitual Código Fonte Audiovisual, que este ano correrá a cargo de Teresa Segura e David Sainz.

Pola súa banda, a mostra (S8) desenvolverá a súa 14ª edición do 26 de maio ao 4 de xuño en distintos escenarios da cidade da Coruña, a Filmoteca de Galicia da Xunta entre eles. O seu programa deste ano reafirma a dimensión formativa e de profesionalización do evento, facetas nas que se centrou precisamente a presentación deste mediodía.

Así, como novidade, o certame crea este ano as bolsas eSe8_LAB para propiciar o desenvolvemento de proxectos cinematográficos no Baltic Analoh Lab de Riga (Letonia), institución de prestixio a nivel europeo.

Ademais, a sección Paraíso amplíase para dispoñer dun espazo de encontro e asesoría para estudantes de Belas Artes chegados de Galicia e o resto de España, así como de Francia e Italia.
R.