Skip to main content

O Museo de Belas Artes da Coruña presenta un ciclo de cine sobre a figura de Picasso no marco da conmemoración da súa morte

Como o cinema foi moi xeneroso co xenio malagueño, e dado que existe unha amplísima nómina de películas e documentais que ilustran a súa vida, evolución e obra artística, o ciclo continuará ofrecendo cada martes de maio no Museo unha selección de ambos formatos que permitirán coñecer ao artista que mellor definiu o século XX en termos estéticos.

Así, o día 2 de maio será a quenda do documental de Henri George-Clouzot O misterio Picasso, mentres que o 9 proxectaranse o filme El testamento de Orfeo de Jean Cocteau e o documental Pablo Picasso peintre de Frédéric Rossif. A continuación, o 23 de maio poderase ver o filme Las aventuras de Picasso de Tage Danielsson. O ciclo finalizará o 30 de maio coa proxección de Picasso de Didier Baussy. Todas as citas serán con entrada libre ata completar aforo.

Homenaxe musical

A programación posta en marcha pola Consellería de Cultura no Museo de Belas Artes tamén inclúe o concerto gratuíto no que se interpretará Pierrot Lunaire de Arnold Schönber, en colaboración co festival Resis. Esta homenaxe musical á iconografía picassiana do Pierrot será o sábado 29 de abril a partir das 20,00 horas coa interpretación do quinteto Plural Ensemble e dirixido por Fabián Panisello. Para asistir é preciso recoller invitación previa na recepción do Museo a partir do 25 de abril as 10,00 horas. Tamén retransmitirase en directo por streaming.

Obradoiros xuvenís e en familia

Ademais destas iniciativas, a Xunta ten en marcha no Museo de Belas Artes da Coruña un amplo abano de actividades complementarias deseñadas para afondar na obra de Picasso e que inclúen propostas familiares, talleres xuvenís ou visitas guiadas. Toda a programación está dispoñible na web do museo e para inscribirse é preciso enviar un correo electrónico a actividades.museobelasartes.coruna@xunta.gal.

A mostra Picasso no branco azul repasa a pegada galega na traxectoria de Pablo Picasso. É a única exposición da nosa Comunidade no marco da programación oficial da Celebración Picasso 1973-2023 impulsado polo Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional para a Conmemoración do 50º aniversario da morte de Pablo Picasso, con Telefónica como empresa colaboradora do programa en España.

Conmemoracións oficiais

O 8 de abril de 2023 cumpriuse o 50 aniversario do pasamento do artista español Pablo Picasso, evento que marcará a celebración da súa obra e a súa herdanza artística en Francia, España e internacionalmente.

Os gobernos de Francia e España acordaron traballar conxuntamente nun programa internacional a través dunha comisión binacional que reúne ás administracións culturais e diplomáticas dos dous países.

A Celebración Picasso 1973-2023 xira en torno a unhas 50 exposicións e eventos que se celebrarán en institucións culturais de renome en Europa e América do Norte que, xuntas, abordan unha análise historiográfica da súa obra. A celebración, acompañada de celebracións oficiais en Francia e España, permitirá facer un balance das investigacións e interpretacións sobre a obra de Picasso, especialmente durante a importante simposio internacional en outono de 2023 que, ademais, coincide coa apertura do Centre d’Etudes Picasso de París.
O Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional española para a conmemoración do 50 aniversario da morte de Pablo Picasso comprácense en apoiar este programa excepcional.
R.